Ordenanza xeral de protección

do medio ambiental no termo municipal de Monforte de Lemos

 

Texto completo

Título preliminar

Disposicións xerais

Artigo 1.

A presente ordenanza ten por obxecto a regulación, no termo municipal de Monforte de Lemos, das seguintes actividades:

a) A limpeza das vías e espacios de dominio e uso público así como a limpeza e ornato xerais dos inmobles públicos e privados no termo municipal.

b) A posesión de cans e doutros animais domésticos.

c) A recollida de residuos sólidos urbanos e o seu tratamento.

d) As normas xerais sobre protección medio ambiental fronte a ruídos (según a ordenanza de protección contra a contaminación acústica e por vibracións, BOP 5, 20 e 23 de febreiro do 2001), actividades xeradoras de po, fumes, líquidos e outros elementos de contaminación.

e) As actividades de publicidade ou propaganda en espacios públicos.

Artigo 2.

1. No non regulado expresamente na presente ordenanza será de aplicación o disposto na Normativa Estatal e Autonómica sobre recollida de desperdicios e residuos sólidos urbanos, lexislación sobre protección de animais domésticos, normativa de protección ambiental e demais disposicións aplicables.

2. A presente ordenanza terá carácter xeral respecto das normas municipais especiais que o Concello poida establecer para sectores específicos de actividades con incidencia no eido medio ambiental, aplicándose, en todo caso, con carácter supletorio, no non previsto nas ditas normas.

Título I

Da limpeza e ornato das vías e espacios públicos e dos inmobles en xeral

Capítulo I

Da limpeza da vía pública

Artigo 3.

1. A limpeza das vías e espacios de dominio e uso público local corresponderá ó Concello, constituíndo un servicio público municipal que se prestará a través de calquera dos modos de xestión establecidos na lexislación vixente.

2. A limpeza das rúas e soares de dominio privado deberá efectuarse polos seus propietarios.

3. A limpeza das vías e espacios libres de titularidade doutras Administracións Públicas, incluídos os inmobles que integren o dominio público ferroviario, corresponderá ós seus titulares.

Artigo 4.

1. Corresponderá ós propietarios ou se é o caso a quen habite os inmobles manter limpos os patios de luces ou de mazá, os cerres de baixos, a limpeza de pintadas en edificios e o lucido das casas e baixos das mesmas. Enténdese incluída nesta obriga a realización das operacións de desratización, desinsectación ou desinfección que sexan precisas para manter as condicións normais de salubridade e hixiene dos inmobles.

Esta obriga será igualmente esixible cando a situación de falta de limpeza sexa imputable a terceiras persoas, sen os prexuízos do dereito dos propietarios a denuncialos feitos ante o Concello en este de oficio, para os efectos de que este poida exercer a potestade sancionadora fronte ós responsables.

2. Queda expresamente prohibido que as persoas que realicen a limpeza dos locais, portais ou edificios, boten ás beirarrúas ou calzada os restos ou desperdicios procedentes dos interiores.

Queda tamén prohibido o baldeo con auga, xabón ou lixivia da limpeza de vehículos, locais ou vivendas e espacios públicos. Queda nembargantes autorizado o baldeo con auga limpa ou con calquera outro producto non tóxico cando sexa preciso retirar excrementos, vómitos ou calquera outro residuo molesto fronte a locais ou vivendas, que en todo caso deberá realizarse de xeito directo no sumidoiro máis próximo, evitando en todo momento a producción de molestias a terceiros.

3. Prohíbese o depósito en pozos, rexistros e na rede de sumidoiros de calquera producto ou residuo resultante de actividades de limpeza ou doutros de calquera tipo non autorizado tales como animais mortos, restos químicos, aceites de cociña ou outros.

Artigo 5.

1. Os propietarios de soares e terreos sen edificar en solo urbano deberán mantelos limpos de maleza e de calquera tipo de residuos ou desperdicios e en condicións de seguridade, salubridade e ornato público. Para tal fin, o Concello poderá esixirlles a realización das operacións de limpeza precisas, incluíndo, se é o caso, a desratización, desinsectación ou desinfección.

2. Igualmente, deberán proceder ó seu peche ou valado obrigatorio, respectando a aliñación sinalada no planeamento e na ordenanza de mantemento de edificios e fachadas así como de cerramentos de solares.

3. Os propietarios de terreos en solo rústico conservarán e manterán o solo natural e se é o caso a masa vexetal nas condicións precisas que eviten a erosión e os incendios, impedindo a contaminación da terra, o aire e a auga.

A mesma obriga se establece para os propietarios de terreos en solo urbanizable, mentres non se proceda a iniciar a súa transformación física en solo urbano.

Desde os solares particulares non poden sobresaír a vía pública ningunha clase de vexetación, maleza ou árbores.

Artigo 6.

1. Prohíbese botar á vía pública todo tipo de residuos como cabichas, pelas, papeis, bolsas ou calquera outro desperdicio similar. Quen transite polas rúas, prazas, xardíns e outros espacios libres públicos e queira desprenderse de residuos de pequena entidade, como os anteriormente mencionados, utilizará as papeleiras instaladas para tal fin.

2. Os usuarios deberán absterse de toda manipulación sobre as papeleiras, movelas, envorcalas ou arrincalas, así como calquera outro acto que deteriore a súa presentación ou as faga inutilizables para o uso a que están destinadas.

3. A instalación, mantemento e reposición das papeleiras realizarase ben pola Administración Municipal ou mediante xestión indirecta.

4. Os danos causados ás papeleiras, que signifiquen a necesidade da súa reposición, serán sufragados polos que os ocasionasen, sen prexuízo da esixencia das responsabilidades de tipo penal ou administrativo que procedan.

5. Os danos que se causen en árbores ou noutro mobiliario urbano ou en calquera espacio ou ben público, incluíndo a realización de inscricións ou pintadas e a colocación de carteis ou adhesivos, serán así mesmo sufragados polas persoas que os ocasionasen, sen prexuízo da esixencia das responsabilidades de tipo penal ou administrativo que procedan.

Artigo 7.

Queda prohibido realizar calquera operación ou actividade que poida luxar as vías e espacios públicos, o mobiliario urbano e en particular:

a) Lavar vehículos nas vías ou espacios públicos así como realizar operacións de cambio de aceite ou doutros líquidos.

b) Manipular ou seleccionar os desperdicios ou residuos sólidos urbanos situados nas papeleiras e nos contedores do lixo, producindo a súa dispersión, dificultando a súa recollida ou alterando os seus envases.

c) Sentarse apoiando os pés nos bancos e cadeiras situados nos espacios públicos.

d) Sacudir ou limpar prendas, alfombras ou similares nas vías e espacios públicos ou sobre as mesmas (dende xanelas, balcóns, etc.).

e) Instalar tendais e tender roupa nas fachadas dos inmobles que dean ás vías ou espacios públicos. Exceptúanse aquelas vivendas que, pola súa antigüidade ou características singulares, non dispoñan de espacios interiores para tal fin, polo que poderán facer uso da fachada entre as 22:00 e as 8:00 horas, sen que en ningún caso se poida tender a unha altura que perturbe o paso dos viandantes e sempre que non se produzan molestias, tales como as derivadas do goteo de auga ou similares.

Artigo 8.

1. Quen estea á fronte de quioscos ou postos autorizados nas vías ou espacios públicos ou desenvolva calquera outra ocupación ou actividade na mesma, ben sexa de xeito illado ou en mercadiños, está obrigado a manter limpo o espacio no que desenvolva o seu cometido e as proximidades durante o horario en que realice a súa actividade e a deixalo no mesmo estado de limpeza unha vez finalizada esta. O incumprimento deste artigo poderá dar lugar á revogación da correspondente licencia, previa audiencia do interesado.

2. A mesma obriga incumbe ós donos de cafés, bares e establecementos análogos, en canto á superficie da vía ou espacio libre público que se ocupe con veladores, cadeiras, etc. así como á beirarrúa correspondente á lonxitude da súa fachada, debendo retirar todo tipo de envases, plásticos, papeleiras, etc., no momento do peche do establecemento. Os donos ou responsables de locais públicos tales como pubs, bares, discotecas, restaurantes ou análogos no momento do peche do establecemento deberán retirar da vía pública situada nas inmediacións do mesmo calquera residuo derivado da actividade desempeñada, incluíndo cristais, calquera tipo de envase, etc.

En caso de reiteración ademais das sancións, procederase á retirada da licencia.

Artigo 9.

1. Acabada a carga e descarga de calquera vehículo con observancia das normas que para tales actividades establece a normativa de circulación, procederase a limpar as beirarrúas e calzadas que fosen luxadas durante a operación, retirando da vía pública os residuos vertidos.

2. Están obrigados ó cumprimento desde precepto os donos dos vehículos e, subsidiariamente, os titulares dos establecementos ou fincas nos que fose executada a carga ou descarga, sempre que non faciliten a identificación do transportista.

Artigo 10.

1. Os propietarios e conductores de vehículos que transporten terras, cascallos, materiais poeirentos, áridos, formigón, cartóns, papeis ou calquera outra materia susceptible de causar molestias ou luxar os espacios públicos ó ser transportada terán que tomar cantas medidas sexan precisas para cubrir tales materiais durante o transporte e evitar que, por efecto da velocidade do vehículo ou do vento, caia sobre á vía pública auga, po ou parte dos materiais transportados.

2. Nos vehículos que se utilicen en zona de obras, antes de saír á vía pública, deberá procederse, a ser posible, ó lavado dos baixos e rodas. En todo caso, manterase a vía pública limpa retirando da mesma calquera residuo derivado da actividade e deberá garantirse que en ningún tramo do percorrido queden restos de materiais.

Artigo 11.

Nas obras nas que se produzan cantidades de cascallos superiores a un metro cúbico haberán de utilizarse para a súa recollida contedores axeitados, para os que se contará coa preceptiva autorización municipal, para seren trasladados posteriormente ó vertedoiro de inertes.

Capítulo II

Limpeza e ornato de edificacións e terreos

Artigo 12.

1. Cando se realice a limpeza de escaparates, portas, marquesiñas, toldos ou cortinas dos establecementos comerciais adoptaranse as debidas precaucións para non causar molestias ós transeúntes nin luxar a vía pública e se, non obstante, esta se luxase, os donos do establecemento estarán obrigados á súa limpeza, retirando os residuos resultantes.

2. Iguais precaucións deberán de adoptarse para a limpeza de balcóns e terrazas así como para a rega das plantas instaladas nos mesmos.

Artigo 13.

1. Os propietarios dos edificios están obrigados a manter en constante estado de limpeza as diferentes partes dos inmobles que sexan visibles desde a vía pública, debendo proceder ó seu pintado, remoción ou lavado, mantendo as condicións de ornato da edificación nos termos establecidos na lexislación urbanística e ordenanzas municipais

2. Os propietarios dos baixos deberán pechalos debidamente, con ladrillo ou bloque, procedendo ó seu pintado ou caleado acordo coas ordenanzas municipais.

Artigo 14.

Obrigas de propietarios de terreos e edificacións:

1. De conformidade coa previsión contida na Lei do Solo de Galicia, os propietarios de terreos ou edificacións deberán mantelos en condicións de seguranza, salubridade e ornato público, e con suxeición ás normas sobre protección do medio ambiente, iso inclúe que os soares que linden coa vía pública deberán estar valados con pechamentos permanentes situados na aliñación oficial e mantidos libres de residuos e en condicións de hixiene, seguranza e ornato.

2. A hixiene, seguranza e ornato inclúe a esixencia de desratización e desinfección dos soares.

3. A altura dos valos e a construcción dos mesmos farase con materiais que garantan o seu ornato e seguranza respectando a normativa da planificación urbanística e ordenanzas vixentes.

4. Se por motivo de interese público fose necesario asumir subsidiariamente as obrigas do propietario, o concello poderá acceder ós soares de propiedade privada.

5. Os propietarios ou responsables de inmobles con fachadas á vía pública deberán evitar expoñer en ventás, balcóns, terrazas ou lugares similares roupa tendida e calquera clase de obxectos contrarios á estética da vía pública.

6. A colocación de valos publicitarios, carteis, pancartas e adhesivos requirirá en todo caso autorización e non se permitirá a colocación de elementos publicitarios en:

Espacios libres públicos e elementos de mobiliario urbano.

Postes de iluminación, semáforos e sinais de tráfico.

Muros, valos e cercas, a excepción de lugares habilitados para tal fin.

De modo provisional e en ocasións excepcionais como feiras, festas, exposicións ou congresos, o concello poderá autorizar anuncios non comerciais limitados ó tempo que dure o acontecemento, que de inmediato deberán retirarse unha vez que acabe o mesmo.

Título II

Da protección de zonas verdes

Capítulo I

Implantacións de zonas verdes.

Artigo 15.

1. Para os efectos de esta ordenanza considéranse zonas verdes os espacios destinados á implantación de arboleda e xardinería de acordo coas determinacións dos plan de ordenación urbana.

2. Tocante á definición e clases de zonas verdes rexerá o establecido no Plan xeral de ordenación urbana e nesta ordenanza.

3. En todo caso serán consideradas como zonas verdes, para os efectos desta ordenanza, as prazas e pequenos xardíns públicos, os xardíns arredor de monumentos ou nas illas viarias, as aliñacións de árbores en beirarrúas e paseos e as xardineiras e elementos de xardinería instalados nas vías públicas.

Artigo 16.

1. As novas zonas verdes axustaranse na súa localización ó establecido nos plans de ordenación urbana e, nas súas instalacións ás normas específicas sobre normalización de elementos constructivos.

2. As novas zonas verdes procuran manter aqueles elementos naturais como a vexetación orixinal existente, cursos de auga ou zonas húmidas, configuracións topográficas do terreo e calquera outro que estea de acordo coas características ecolóxicas da zona. Estes elementos serviran de soporte ós novos, podendo converterse, en casos específicos, en condicionantes principais do deseño.

Artigo 17.

1. Tocante á implantación, as novas zonas verdes deberán cumpri-las seguintes normas:

a) Respectaranse os elementos vexetais os que fai referencia o artigo anterior.

b) Para as novas plantacións elixiranse especialmente vexetais autóctonos ou compatibles co clima de Galicia.

c) Non se utilizarán especies que neses momentos estean declaradas expostas a pragas e enfermidades con carácter crónico e que como consecuencia poidan ser focos de infección.

d) Cando as árbores estean a carón das edificación, escolleranse aqueles que non poidan producir polo seu tamaño ou porte unha perda de iluminación ou soleamento naqueles, danos nas infraestructuras ou levantamentos de pavimentos ou beirarrúas.

2. En calquera caso, os promotores poderán formular consultas ós servicios municipais relacionados coa implantación de zonas verdes.

Artigo 18.

1. Tódolos traballos en árbores públicas, realizados por empresa concesionarias, deberán estar baixo control dos técnicos municipais encargados de materia, por medio de especificación escritas, licencias e inspeccións.

2. As redes de servicios(eléctrica telefónica, de saneamento, distribución de auga, etc.) que atravesen as zonas verdes deberán facelo de forma subterránea, debidamente canalizadas e sinalizadas.

Capítulo II

Conservación de zonas verdes

Artículo 19.

Tódolos propietarios de zonas verdes están obrigados a mantelas en bo estado de conservación, correndo pola súa conta os gastos que iso ocasione.

Artículo 20.

Calquera propietario dun inmoble con fachada á rúa e árbores no mesmo terá a obriga de poda-los de xeito que non obstrúan ou dificulten a iluminación da vía pública ou impidan a visibilidade en cruces, interseccións ou pasos.

Artículo 21.

1. Os regos precisos para a subsistencia dos vexetais incluídos en calquera zona verde, deberán realizarse cun criterio de economía da auga, en concordancia co mantemento ecolóxico do sistema que favorece a resistencia das plantas en períodos de seca, empuxes de vento, ataques de criptógamas, etc.

2. A zona verde que posúa recursos propios de auga será regadas con estes recursos sempre que isto sexa posible.

Artículo 22.

1. Todo propietario dunha zona verde queda obrigado a realiza-los oportunos tratamentos fitosanitarios preventivos, pola súa conta, para evitar pragas e enfermidades das plantas desta zona verde.

2. Para o caso de que unha praga ou enfermidade se declare nas plantacións dunha zona verde, o propietario deberá dar as mesmas e pola súa conta, o correspondente tratamento fitosanitario no prazo máximo de 8 días debendo, en caso necesario, eliminar estas plantacións de forma inmediata.

Artículo 23.

Os xardíns e zonas verdes públicos e privados deberán atoparse en todo momento nun estado satisfactorio de limpeza e ornato así coma libres de maleza espontánea, nun grado que non poidan ambas cousas ser causa de infección ou convertérense en materia doadamente combustible.

Artículo 24.

Os titulares de quioscos, bares, etc., que integren nas súas instalacións algún tipo de plantación, deberán velar polo bo estado das mesmas.

Artículo 25.

Cando na realización das redes de servicio se abran regos en zonas axardinadas xa consolidadas, evitar que estes afecten ós sistemas radiculares dos elementos vexetais existentes, debendo restituír ó finaliza-las obras correspondentes, a zona axardinada ó seu estado primitivo, reparando calquera elemento que fora danado.

Capítulo III

Uso das zonas verdes

Artículo 26.

Tódolos cidadáns teñen dereito ó uso e aproveitamento das zonas verdes públicas, de acordo co establecido na presente ordenanza e demais disposicións aplicables.

Artículo 27.

Os lugares ós que se refire aprésente ordenanza, pola súa cualificación de bens de dominio e uso público, non poderán ser obxecto de privatización do seu uso en actos organizados que pola súa finalidade, contido, características ou fundamento, presupoñan a utilización de tales recintos con fins particulares, en detrimento da súa propia natureza e destino.

Artículo 28.

Cando por motivos de interese se autoricen nestes lugares actos públicos, deberanse toma-las medidas previsorias necesarias para que a maior afluencia de persoas os mesmos non cause detrimento nas plantas e mobiliario urbano, En todo caso, tales autorizacións deberán ser solicitadas coa antelación suficiente para adopta-las medidas previsorias necesarias.

Artículo 29.

1. Os usuarios das zonas verdes e do mobiliario urbano instalado nas mesmas, deberán cumpri-las instruccións que sobre a súa utilización figuren nos indicadores, anuncios, rótulos e sinais existentes, e se faltaran estes apelarase a racionalidade e boas maneiras.

2. En calquera caso deberán atende-las indicacións que formulen os axentes da Policía Municipal e o persoal de Parques e Xardíns.

Capítulo IV

Protección de elementos vexetais

Artículo 30.

Con carácter xeral, para a boa conservación e mantemento das diferentes especies vexetais das zonas verdes, non se permitirán os seguintes actos:

a) Toda manipulación realizada sobre as árbores e plantas.

b) Camiñar polas zonas axardinadas acoutadas.

c) Pisa-lo céspede de caracter ornamental, introducirse no mesmo e utilizalo para xogar, repousar ou deitarse sobre el.

d) Cortar flores, polas ou especies vexetais.

e) Talar, apear ou podar árbores situados en espacios públicos sen a autorización municipal expresa.

f) Aclarar, arrincar ou partir árbores, pelar ou arrinca-las súas cortizas, cravar puntas, atar os mesmos escaleiras, ferramentas, soportes de andamiaxe, ciclomotores, bicicletas, carteis ou calquera outro elemento nin gabear ou subir ós mesmos.

g) Depositar, aínda de forma transitoria, materiais de obra sobre as árbores, ou verter nelas calquera clase de productos tóxicos.

h) Botar en zonas axardinadas lixo, residuos, cascotes, pedras, papeis, plásticos, graxas ou productos cáusticos ou fermentables ou calquera outro calquera outro elemento que poida dana-las plantacións.

i) Prender lume, calquera que sexa o motivo en lugares que non estean expresamente autorizados e non teñan instalacións axeitadas para facelo.

Artículo 31.

Se nalgún caso é necesario arrincar ou trasladar unha ou varias árbores dun macizo de xardín, pola modificación de superficie pavimentada dunha rúa, o Concello replantará ou substituirá estas árbores.

Artículo 32.

Tódalas árbores de calquera rúa ou propiedade pública, próximas a unha escavación ou construcción de calquera edificio estructura ou obra na rúa, deberá defenderse cun valado de 1,20 m. de altura e o lado proporcional o seu tamaño. Todo o lixo, entullos, material de construcción, etc., deberá quedar fora do valado, deixando exenta a árbore.

Capítulo V

Protección de animais

Artículo 33.

1. Para a boa conservación e mantemento das zonas verdes, así como das lagoas, estanques e fontes existentes nos mesmos non se permitirán os seguintes actos:

a) Cazar calquera tipo de animal, así como escorrenta-las pombas, paxaros, anátidos e calquera outra especie de ave ou animal, perseguido ou consentir que os persigan cans nin outros animais. Tamén se prohibe causar dano algún as zonas de cría ou niñadas destes animais.

b) Pescar, inquietar ou causar dano ós peixes, así como botar calquera clase de desperdicios ás lagoas, estanques fontes o ríos.

c) A utilización en tales lugares de utensilios ou armas destinados á caza de aves ou outros animais, como tiradores de goma, cepos, escopetas de aire comprimido, etc.

Artigo 34.

Os usuarios das zonas verdes non poderán abandonar nestes lugares especies de animais de ningún tipo. Cando, polas características e circunstancias de determinados animais, sexa aceptable a súa doazón, esta poderá ser autorizada polo Concello.

Capítulo VI

Protección do medio

Artículo 35.

A protección de tranquilidade e sosego que intriga a propia natureza das zonas verdes esixe que:

a) A práctica de xogos e deportes se realice nas zonas especificas acoutadas cando concorran as seguintes circunstancias:

1ª.- Poidan causar molestias ou accidentes ás persoas.

2ª.- Poidan causar danos e deterioro a plantas, árbores, bancos e demais elementos de mobiliario urbano, xardíns e paseos.

3ª.- Impiden ou dificultan o paso de persoas ou interrompan a circulación.

4ª.- Perturben ou molestan de calquera forma a tranquilidade pública.

b) As actividades publicitarias realizaranse coa expresa e previa autorización municipal.

c) As actividades industriais restrinxiranse ó máximo, limitándose a venda ambulante de calquera clase de productos, que soamente poderá efectuarse coa correspondente autorización municipal expresa para cada caso concreto.

A instalación de calquera clase de industrias, comercios, restaurantes, venda de bebidas ou refrescos, xeados, etc., requirirá autorización ou concesión administrativa de Concello, obtida coa tramitación que a normativa aplicable dispola en cada caso concreto.

Os concesionarios deberán limitarse á actividade autorizada, sendo responsables das súas limitacións ou incumprimento.

d) Non sendo nos lugares especialmente habilitados para o efecto non se permitirá acampar, instalar tendas de campaña e vehículos habilitados para tal fin.

Artículo 36.

Nas zonas verdes non se permitirá.

a) Lavar vehículos, lavar ou tender roupa nin tomar auga das bocas de rego.

b) Efectuar inscricións ou pegar carteis nos valados, soportes de alumeado público ou en calquera elemento existente nos parques e xardíns.

c) Instalar calquera tipo de modalidade publicitaria nos parques. Nas restantes zonas verdes soamente se autorizarán elementos publicitarios previamente homologados polo Concello.

d) Realizar nos seus recintos calquera clase de reparación de automóbiles, albanelería, xardinería, electricidade, etc. De se tratar de elementos propios do parque ou de instalación de concesionarios, requirirase a preceptiva autorización de Concello.

Capítulo VII

Vehículos nas zonas verdes

Artículo 37.

a) Bicicletas.

Os nenos de ata 10 anos poderán circular en bicicleta polos paseos interiores dos parques, sempre que a escasa afluencia do público o permita e non causen molestias ós de mais usuarios dos parques, e sempre baixo.a responsabilidade dos pais ou persoa responsable.

b) Circulación de vehículos de transporte:

Non poderán circular polos parques salvo:

1º Os destinados exclusivamente a empresas de servicios de quioscos ou instalacións semellantes.

2º Os do Concello de Monforte de Lemos.

c) Vehículos de eivados.

Poderán circular os que non desenvolvan unha velocidade superior os 10 Km/h.

Artículo 38.

A entrada e circulación de vehículos nos parques non recollido no artigo anterior, quedan expresamente prohibidos.

Capítulo VIII

Protección do mobiliario urbano

Artículo 39.

1. O mobiliario urbano existente nos parques, xardíns e zonas verdes, consiste en bancos, xogos infantís, papeleiras, fontes, sinalización, farolas e elementos decorativos como adornos, estatuas, etc., deberá manterse no mais axeitado e estético estada de conservación. Os causantes do seu deterioro ou destrucción serán responsables non soamente do resarcimento do dano producido, senón que serán sancionados administrativamente de acordo coa falta cometida. Así mesmo, serán sancionados os que facendo un uso indebido de tales elementos prexudiquen a boa disposición e utilización dos mesmo polos usuarios de tales lugares. Para este efecto, e en en relación co mobiliario urbano, establécense as seguintes limitacións:

a. Bancos.

Non se permitirá o uso desaxeitado dos mesmos como arrinca-los que estean fixos; traslada-los que non estean fixados ó chan, agrupa-los de forma desordenada; realizar comidas sobre os mesmos en forma que poidan mancha-los seus elementos; realizar inscricións ou pintadas sobre eles, e calquera acto contrario a súa normal utilización ou que deteriore á súa conservación.

As persoas encargadas do coidado dos nenos deberán evitar que estes, nos seus xogos, depositen sobre so bancos, area, auga, barro ou calquera elemento que poda luxalos ou manchar ós usuarios dos mesmos.

b. Xogos infantís.

Utilizaranse unicamente por nenos con idades comprendidas entres as establecidas nos correspondente sinais. Non se permite a utilización dos xogos infantís por adultos ou por menores de idade superior á que se indique, así como tampouco a utilización dos xogos de forma que exista perigo para os seus usuarios, ou de forma que poidan deteriorarse ou romperse.

c. Papelerías.

Os refugallos ou papeis deberanse depositas nas papelerías establecidas para tal fin.

Os usuarios deberanse abster de toda manipulación sobres as papelerías: movelas, volcalas e arrincalas, así como de facer inscricións nas mesmas, adherir papeis ou outros actos que deterioren a súa prestación.

d. Fontes.

Os usuarios deberanse abster de realizar calquera manipulación nas fontes que non sexa propia do seu funcionamento normal, así como de practicar xogos nas fontes para beber.

Nas fontes decorativas, chafarices, bocas de rego, etc., non se permitirá beber utiliza-la auga das mesmas, bañarse ou introducirse nas súas augas, practicar xogos, nin ningunha manipulación dos seus elementos.

e. Sinalización, farolas, estatuas e elementos decorativos.

Nestes elementos de mobiliario urbano non se permitirá subirse, abanearse ou facer calquera outra acción ou manipulación, así como calquera acto que luxe, dane ou deteriore o mesmos.

Título III

Da posesión de cans e doutros animais domésticos

Capítulo I

Normas xerais

Artigo 40.

A normativa contida no presente capítulo ten por obxecto regular tódolos modos relativos á posesión de cans e outros animais domésticos no termo municipal de Monforte de Lemos, que afecte á tranquilidade, seguranza e salubridade cidadáns, isto sen prexuízo do establecido na lexislación autonómica sobre animais domésticos e salvaxes en cautividade, Lei 1/1993, de 13 de abril e Decreto 153/1998 de 2 de abril, e na lexislación estatal e autonómica sobre animais considerados potencialmente perigosos, Lei 50/1999 de 23 de decembro e Real Decreto 287/2002 de 22 de marzo a nivel estatal e Decreto 90/2002 de 22 de febreiro a nivel autonómico, así coma na lexislación, tanto autonómica como estatal, que a partir da data de entrada en vigor desta ordenanza, fose creada para regular ou modifica-la xa existente sobre o tema.

Artigo 41.

A competencia do Concello nas materias que son obxecto de regulación por este capítulo exercerase a través dos órganos e servicios da Administración Municipal existentes na actualidade ou que no seu caso poidan crearse para o efecto.

Artigo 42.

Sen prexuízo das facultades atribuídas pola normativa de carácter xeral a outras administracións públicas, as infraccións no disposto no presente capítulo serán sancionadas pola Alcaldía ou o Concelleiro/a que teña a delegación, segundo o Título VII (réxime sancionador) da presente ordenanza.

Capítulo II

Obrigas e responsabilidades dos propietarios e conductores

Artigo 43.

Os propietarios ou posuidores de cans e animais domésticos estarán obrigados ó cumprimento do disposto no presente Regulamento, sendo responsables subsidiarios os titulares das vivendas, establecementos ou locais onde radiquen os mesmos.

Artigo 44.

1. Nas vías públicas os cans terán que ir provistos de buceira, salvo naqueles casos en que pola súa natureza e características sexa razoablemente previsible a súa falla de perigrosidade. En todo caso, irán conducidos por persoa capaz e idónea, suxeitos con cadea, correa ou cordón resistente e colar onde porten a medalla do control sanitario e a chapa identificativa co nome do can e identificación do propietario.

2. A Alcaldía ou o Concelleiro/a que teña a delegación, poderá ordenar con carácter xeral o uso do bozo cando as circunstancias sanitarias así o aconsellen.

3. Os animais potencialmente perigosos regularanse polo establecido na Lei 50/1999 de 23 de decembro e Real Decreto 287/2002 de 22 de marzo a nivel estatal e Decreto 90/2002 de 22 de febreiro a nivel autonómico, tendo a persoa que os conduza e controle a obriga de posuír e levar consigo a licencia administrativa para a tenencia de animais potencialmente perigosos.

4. Os animais da especie canina potencialmente perigosos, en lugares e espacios públicos, deberán levar obrigatoriamente buceira axeitada para a tipoloxía racial de cada animal, debendo estes ser conducidos e controlados con cadea ou correa non extensible de menos de 2 metros, sen que se poida levar máis de un destes cans por persoa.

5. Os animais potencialmente perigosos, que se atopen nunca finca, casa de campo, chalet, parcela, terraza, patio ou calquera outro lugar delimitado, estarán atados, a non ser que se dispoña dun habitáculo coa superficie, altura e axeitado pechamento, para protexe-las persoas ou animais que accedan ou se aproximen a ditos lugares.

6. Enténdese por animais potencialmente perigosos no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia aqueles que pertencendo a fauna autóctona ou alóctona, independentemente da súa condición, natureza, especie ou raza a que pertencen, e convivindo no contorno humano como animais domésticos ou de compañía, sexan susceptibles de ocasiona-la morte, ou lesións ás persoas ou a outros animais, ou producir danos de certa entidade ás cousas.

7. Enténdese por cans potencialmente perigosos aqueles nos que concorran calquera das condicións seguintes:

a) Cans que tiveran algún episodio de agresións a persoas ou ataque de certa entidade a animais e a cousas.

b) Cans que foran adestrados para a garda e defensa.

c) Cans que polas súas características raciais puidesen ser aptos para o adestramento para a garda e defensa e en concreto os pertencentes as razas seguintes: American Stafforshire Terrier, Pit Bull Terrier, Bullmastif, Dobrmann, Dogo Argentino, Dogo de Burdeos, Dogo do Tíbet, Fila Brasileiro, Mastín Napolitano, Presa Canario, Presa Mallorquín (CA de Bou), Rottweiler, Staffordshire Bull terrier, Tosa Inu e Akita Inu. Tamén serán considerados neste apartado os cruces en primeira xeración destes, cruces destas razas entre si ou cruces destes con outras razas, obtendo unha tipoloxía similar a algunha das razas anteriormente descritas.

d) Cans que manifesten unha marcada agresividade natural ou inducida mediante adestramento, malos tratos ou calquera outro medio. A dita agresividade será apreciada pola autoridade competente, de oficio ou logo de notificación ou denuncia e logo de informe dun adestrador ou veterinario designado para o efecto.

Artigo 45.

1. As persoas que conduzan cans deberán impedir que estes realicen as súas dexeccións nas vías e espacios públicos. O Concello poderá habilitar zonas específicas para o efecto.

2. No caso de que as dexeccións queden depositadas en calquera lugar público, dentro do núcleo urbano e fóra dos lugares habilitados para tal fin, se os houbera, a persoa que conduza ó animal estará obrigada á recollida e limpeza das dexeccións que, debidamente empaquetadas, serán depositadas en papeleiras ou contedores de lixo.

3. Do incumprimento do establecido neste artigo serán responsables as persoas que conduzan ós animais, sexan ou non propietarios dos mesmos, e subsidiariamente os propietarios dos mesmos.

Artigo 46.

1. Prohíbese expresamente a entrada e permanencia de cans e outros animais domésticos en toda clase de locais e vehículos destinados á fábrica, venda, almacenamento, transporte ou manipulación de alimentos, clínicas e establecementos sanitarios, farmacias e centros públicos.

Artigo 47.

1. Queda expresamente prohibida a entrada de cans e doutros animais en locais ou recintos de espectáculos públicos, deportivos e culturais, piscinas abertas ó público e parques infantís, circulando polos de paseo dos parques, evitando causar molestias ás persoas, penetrar no céspede, nos macizos axardinados, nos estanques ou fontes a escorrenta-las pombas, paxaros e outras aves.

2. Non se poderá alimentar ós animais na vía pública e parques salvo persoal autorizado.

Artigo 48.

Os cans que realicen funcións de garda de soares, obras, locais, establecementos, etc., deberán atoparse en condicións de seguridade, a fin de que non poidan causar danos a persoas ou cousas nin perturbar a tranquilidade cidadá, en especial en horas nocturnas. En todo caso deberá advertirse en lugar visible e de forma adecuada a existencia dos cans.

Artigo 49.

Os cans que sirvan de guía ós deficientes visuais rexeranse polo disposto na súa normativa específica. En todo caso, cando estes animais realicen ás súas funcións de guía de invidentes ou de deficientes visuais, non se lles aplicarán a limitacións establecidas nos artigos 43.1, 44, 45 e 46 da presente ordenanza.

Artigo 50.

Os animais domésticos que circulen soltos dentro do núcleo urbano ou polo termo municipal desprovistos de identificación serán recollidos polos servicios municipais e conducidos ó depósito establecido para o efecto, propio ou conveniado, onde permanecerán vinte días a disposición dos seus amos que, se é o caso, deberán acreditar a súa propiedade e aboar os gastos causados pola súa recollida, custodia e mantemento.

Se o animal recollido estivese debidamente identificado notificarase ó propietario, quen disporá de vinte días (20) para recuperalo, unha vez aboados os gastos orixinados.

Transcorrido o prazo sen que o propietario do animal satisfixese o aboamento dos gastos, procederase de acordo co disposto no artigo seguinte.

No suposto de animais sen dono identificado, a súa recollida será realizada polos servicios municipais.

Artigo 51.

1. Os animais recollidos na vía pública e que non fosen reclamados polos seus propietarios nos prazos fixados no artigo precedente, ou se estes non aboasen as cantidades que fosen esixibles por alimentación, custodia, vacinación e demais gastos orixinados para o servicio municipal, quedarán durante outros tres días, como mínimo, a disposición de quen os solicite e se comprometa a regularizar a situación sanitaria do animal, o que se fará público mediante anuncio que se exporá no taboleiro de edictos da Corporación. Neste caso as persoas que adopten un can librándoo do sacrificio non deberán aboar ningunha cantidade por gastos, sempre que se acredite que non se trata dos seus anteriores titulares.

2. De non concorrer as anteriores circunstancias, os animais poderán ser cedidos a asociacións protectoras de animais ou a centros e institucións de carácter científico que o soliciten para os seus traballos de investigación, coa autorización dos servicios municipais e tralo informe do veterinario no que se garanta que non sufrirán malos tratos nin danos que poidan evitarse ou paliarse.

3. Transcorridos tres meses dende a recollida dos animais sen que estes fosen retirados polos seus donos ou cedidos en adopción, poderán sacrificarse baixo control veterinario e mediante procedementos autorizados pola Consellería de Medio Ambiente, que en todo caso impliquen a perda inmediata da consciencia e o mínimo sufrimento posible.

4. Os cadáveres dos animais mortos ou sacrificados deberán ser destruídos por enterramento ou incineración coas debidas condicións hixiénico-sanitarias conforme co establecido na lexislación.

Artigo 52.

As persoas que fosen trabadas por un can deberán dar inmediatamente conta do feito ás autoridades sanitarias co fin de que poida ser sometido ó tratamento se así o aconsellase o resultado da observación animal.

Os propietarios ou posuidores dos cans mordedores están obrigados a facilitar os datos correspondentes do animal agresor, tanto á persoa agredida ou ós seus representantes legais, como ás autoridades competentes que o soliciten.

Artigo 53.

1.- Os propietarios dos cans que causasen lesións a unha persoa deberán acreditar o estado do animal, mediante a cartilla de vacinación e os permisos correspondentes ante a autoridade que o requira. En caso contrario deberán ser sometidos a control veterinario oficial.

2.- A petición do propietario e tras informe favorable do servicio veterinario, a observación do can poderá realizarse na morada do dono, sempre que o animal estea debidamente documentado e controlado sanitariamente. En todo caso, os gastos ocasionados serán por conta do propietario do animal.

3.- Nos casos de declaración de epizootias, os donos dos cans cumprirán coas disposicións preventivas sanitarias que se dicten polas autoridades competentes así como coas prescricións que ordene a Alcaldía.

4.- Anualmente, cando segundo a normativa reguladora da sanidade animal resulte obrigatorio, deberán ser vacinados os cans nas datas fixadas para o efecto, facéndose constar o cumprimento desta obriga na tarxeta de control sanitario. Os cans non vacinados deberán ser recollidos polos servicios municipais e os seus amos sancionados.

Artigo 54.

1.- A autoridade municipal disporá, tralo informe do servicio veterinario, o sacrificio sen ningunha indemnización dos cans ou doutros animais que fosen diagnosticados de enfermidades transmisibles.

2.- As persoas que ocultasen casos de enfermidades transmisibles en animais ou deixasen ó animal que a padeza en liberdade serán denunciados ante as autoridades administrativas ou xudiciais correspondentes.

3.- Sen prexuízo das competencias das autoridades sanitarias e medio ambientais da Comunidade Autónoma, nos supostos en que se diagnosticasen enfermidades transmisibles ós animais domésticos ou salvaxes en catividade e cando a urxencia do caso non admita dilacións, o Alcalde, ou o Concelleiro/a que teña a delegación, poderá ordenar directamente o illamento e internamento dos animais, dando conta ás autoridades competentes.

Artigo 55.

Prohíbese terminantemente deixar soltos en espacios exteriores toda clase de animais daniños ou feroces.

Artigo 56.

A estancia de animais domésticos ou salvaxes en catividade en vivendas ou outros lugares de carácter privado estará condicionada á utilidade ou nocividade/perigosidade dos mesmos en relación coas persoas, as circunstancias hixiénicas do seu aloxamento e a posible existencia de perigos ou incomodidades para os veciños en xeral.

Artigo 57.

1. A autoridade municipal, en relación ós casos recollidos no punto anterior, poderá adoptar, trala audiencia ós interesados, as medidas de policía ambiental precisas, incluíndo o traslado dos animais, domésticos ou salvaxes en catividade, do seu lugar de acollida.

2. Cando se decida que non é tolerable a estancia nunha vivenda ou local, os donos destes deberán proceder ó seu desaloxo, e de non facelo voluntariamente despois de ser requiridos para iso, farano os servicios municipais a cargo daqueles, sen prexuízo da existencia de responsabilidade que procedese por desobediencia á Autoridade.

Título IV

Da recollida e do tratamento dos residuos sólidos urbanos

Capítulo I

Normas xerais de recollida de residuos sólidos urbanos

Artigo 58.

A recollida de residuos sólidos urbanos constitúe un servicio público municipal de carácter obrigatorio, que se rexerá polo disposto na lexislación básica do Estado e complementaria da Comunidade Autónoma así como polas disposicións contidas na presente ordenanza municipal. Dita recollida será establecida polo Concello, cos itinerarios, frecuencia e horario que se fixan no Pleno Municipal de Residuos, e emprestarase, ben directamente pola Administración Municipal ou a través de xestión indirecta.

Artigo 59.

1. Da recepción dos residuos sólidos urbanos farase cargo o persoal do Servicio Municipal ou se é o caso o da Empresa Concesionaria ou a Entidade de xestión que corresponda en cada momento, segundo se decida polo concello.

2. O Concello adquirirá a propiedade dos residuos dende o momento en que se depositen nos contedores ou lugares establecidos para o efecto e os posuidores quedarán exentos de responsabilidade polos danos que puidesen causar tales residuos, sempre que na súa entrega se observasen as condicións desta ordenanza e demais normativa aplicable.

3. Ningunha persoa física ou xurídica poderá dedicarse á recollida, transporte, ou aproveitamento dos residuos sólidos urbanos e industrias asimilables nin non asimilables, (sexan papel, cartón, madeira, vidros, plásticos, metais, pilas e baterías) calquera que sexa a súa natureza, sen a previa concesión ou autorización municipal. En todo caso será unha empresa autorizada pola Consellería de Medio Ambiente como xestor autorizado de residuos.

4. A recollida ou retirada de residuos sólidos por particulares sen autorización municipal poderá ser obxecto de sanción, así como o seu depósito ou tenencia.

Capítulo II

Consideración de Residuos Sólidos Urbanos

Artigo 60.

1. Terán a consideración de residuos sólidos urbanos os seguintes:

a) Os residuos de orixe doméstica.

b) Os residuos xerados en comercios, oficinas e servicios que non se atopen excluídos da cualificación de residuos sólidos urbanos na lexislación vixente así como todos aqueles que non teñan a consideración de perigosos e que pola súa natureza e composición poidan asimilarse ós producidos nos anteriores lugares ou actividades.

c) Os residuos procedentes da limpeza das vías públicas, zonas verdes, áreas recreativas e praias fluviais.

d) Os residuos procedentes de mercados, feiras, festexos, peregrinacións, excursións, acampadas ou actos similares.

e) Os mobles, obxectos e electrodomésticos desbotados e os procedentes de pequenas obras de reparación domiciliaria.

f) Os residuos inertes non perigosos producidos nas obras de construcción ou demolición.

g) Os cadáveres de animais domésticos de compañía.

h) Os vehículos abandonados.

i) Calquera outro residuo que sexa declarado como residuo sólido urbano pola lexislación estatal ou autonómica.

2. O Concello poderá dispoñer que en toda a cidade ou en sectores ou zonas determinadas se presenten por separado ou se depositen en recipientes especiais aqueles residuos susceptibles de distintos aproveitamentos, tales como papel, cartón, vidros, latas, pilas, etc.

3. Será obriga do Servicio Municipal de recollida ou Empresa Concesionaria, o baleirado dos contedores propios do Servicio de Limpeza que se utilicen para depositar as varreduras e desperdicios procedentes das papeleiras.

4. Prohíbese a ulitización por parte dos particulares con exclusividade para outros fins distintos dos propios, dos contedores do Servicio de Limpeza.

Artigo 61.

1. Os productores de residuos sólidos urbanos estarán obrigados a entregalos ós servicios municipais na forma e condicións establecidas na presente ordenanza.

2. A entrega dos residuos sólidos urbanos ós servicios municipais realizarase do seguinte xeito:

a) Con carácter xeral, nos contedores situados para o efecto nas vías e espacios públicos, utilizando o contedor específico para cada tipo de residuo, cando exista unha distancia de 200 metros.

b) Directamente no punto limpo, nos contedores específicos, para os residuos especiais sinalados no artigo 61.2.

c) Directamente no vertedoiro de residuos inertes, os residuos non perigosos derivados das obras de construcción de demolición.

d) Os cadáveres de animais domésticos de compañía serán recollidos no domicilio dos posuidores, trala solicitude ós servicios municipais, nas datas, horarios e frecuencias que se sinalen pola Alcaldía.

e) Os mobles e útiles domésticos poderán entregarse no Punto Limpo ou ser recollidos a domicilio, trala solicitude dos posuidores, nas datas, horarios e frecuencias que se sinalen polo Concello.

Artigo 62.

1. O depósito dos residuos sólidos urbanos farase obrigatoriamente de xeito selectivo nas rúas onde existan os contedores específicos que se sinalan a continuación, nunha distancia máxima de 200 metros do domicilio dos posuidores. Dito depósito farase obrigatoriamente do seguinte modo:

- Contedor verde: Materia orgánica e residuos que non poidan ser reciclados.

- Contedor amarelo: Envases e residuos de envases lixeiros (envases plásticos, latas e envases de tipo brik).

- Contedor Iglú Verde: Só vidro.

- Contedor azul: Só papel e cartón.

- Contedor de pilas: Só pilas usadas.

2. Deberán depositarse no Punto Limpo, nos contedores correspondentes, os seguintes tipos específicos de residuos:

a) Fluorescentes.

b) Vernices, pinturas e residuos de pinturas.

c) Aceites pesados procedentes de coches, tractores e vehículos de motor en xeral.

d) Aceites domésticos.

e) Baterías.

f) Aparatos metálicos (neveiras, lavadoras, cociñas, electrodomésticos en xeral, somieres e similares).

g) Obxectos de madeira e outros obxectos (sofás, camas, armarios, colchóns e outros similares).

h) Outros residuos sólidos urbanos que non sexan susceptibles de ser reciclados e se sinalen pola Alcaldía ou pola Concellería competente.

3. Ademais de poder depositarse no Punto Limpo, os servicios municipais recollerán os residuos sólidos urbanos especiais descritos nas letras f) e g) do punto anterior coa periocidade e nas datas que se sinalen pola Alcaldía, tras solicitude dos interesados.

4. Os establecementos e oficinas que, polo volume de lixo producido, precisen un maior número de contedores dos subministrados polo servicio municipal deberán adquirilos pola súa conta, debendo reuni-las características que se indiquen polo Concello para os efectos de permitir a súa recollida polos servicios municipais.

Os titulares de tales contedores teñen a obriga de conservalos en adecuadas condicións de hixiene, debendo lavalos periodicamente mediante auga a presión. O lavado non poderá realizarse na vía pública.

5. As operacións de lavado e limpeza que esixan os recipientes normalizados serán efectuadas periodicamente polo Concello ou empresa concesionaria do servicio, salvo nos casos dos contedores individuais que deberán ser lavados e mantidos en bo estado polos usuarios dos mesmos.

6. Os titulares de establecementos que manexen ou utilicen productos perecedoiros deberán depositar os residuos en contedores específicos da súa titularidade, non podendo usar os comunitarios e depositando sempre os residuos en bolsas herméticas, evitando a súa dispersión e tamén a xeración de malos olores.

7. As caixas de cartón de grandes dimensións deben ser esnaquizadas e empaquetadas correctamente nos contedores específicos ou ocupando o menor espacio posible se estes estivesen cheos. Nas rúas peonís o cartón depositarase deste modo e perfectamente embalado.

8. Todos aqueles establecementos que sexan grandes productores de residuos deberán manter os seus contedores individuais no interior das súas dependencias ata as 20 horas, excepto os meses de xuño a setembro, nos que non poderán depositarse na rúa antes das 22 horas. Para tal efecto, estarán obrigados a dispoñer dun lugar específico dentro do seu establecemento para a custodia destes contedores.

Artigo 63.

1. Nas zonas en que existan recipientes normalizados, os veciños depositarán neles os residuos e o persoal do vehículo contedor baleirará o contido dos recipientes no camión e depositaraos baleiros onde se encontraban.

2. Nun e noutro suposto o lixo e desperdicios depositaranse en bolsas pechadas e non poderán ser deixadas nos contedores ou na vía pública, antes das 19:00 horas.

3. Prohíbese depositar o lixo nas datas que o Concello indique como inhábiles do Servicio, o que se comunicará coa antelación precisa.

Artigo 64.

1. Os contedores serán situados na vía pública, naqueles lugares que se determinen pola Administración Municipal. Non poderán moverse do seu lugar de orixe salvo causa de forza maior. Unha vez baleirados os recipientes non desbotables, procederase ó seu retirado, en caso de supermercados ou establecementos que teñan contedores grandes.

2. Nos supostos en que os establecementos comerciais xeren un elevado número de residuos urbanos asimilables, o Concello poderá esixir a instalación dun sistema de compactación previo dos residuos, que se depositarán nos recipientes normalizados.

Artigo 65.

1. Nos centros públicos ou privados, mercados, galerías de alimentación, centros sanitarios, etc., a recollida efectuarase polo Servicio Municipal ou Empresa concesionaria.

2. Se unha Entidade Pública ou privada tivese por calquera causa que desprenderse de residuos sólidos en cantidades maiores ás que constitúe a producción diaria normal e non de forma frecuente, non deberá presentalos conxuntamente cos residuos habituais. Neste caso, a Entidade poderá dispoñer o seu transporte ó Centro de Transferencias ou ó lugar establecido polo Concello tralo pagamento das taxas correspondentes ou ben solicitar do Servicio de Recollida ou Empresa concesionaria, a súa retirada, aboando os custos correspondentes.

3. Os grandes xeradores de residuos urbanos estarán obrigados a dispoñer dun lugar específico dentro do seu establecemento para a custodia destes contedores.

Capítulo III

Residuos Industriais

Artigo 66.

Serán considerados residuos industriais especiais aqueles que polas súas características non poidan ser clasificados como inertes ou asimilables ós residuos urbanos e en xeral os que presenten un risco potencial para a saúde pública ou para o medio ambiente.

Artigo 67.

Os productores e posuidores de residuos industriais especiais estarán obrigados á adopción de cantas medidas sexan necesarias para asegurar que o transporte, tratamento, eliminación ou, se é o caso, aproveitamento dos mesmos, se realice sen risco para as persoas.

Artigo 68.

1. Para desfacerse dos residuos industriais trasladaranse ó punto limpo por separado, para ser clasificados e enviados ó reciclador correspondente, ademais será necesaria a correspondente autorización municipal, indicándose, á vista da natureza e características dos mesmos, o lugar para a súa eliminación ou aproveitamento.

2. Os productores de residuos que poidan resultar tóxicos ou perigosos deberán, previamente á súa recollida por xestor autorizado, realizar un tratamento para eliminar ou reducir as súas características así como adoptar as medidas para asegurar o seu traslado.

3. Nestes casos a empresa ou o productor destes residuos estará obrigado a cumprir a normativa vixente.

Artigo 69.

1. En ningún caso se permitirá o vertido de residuos industriais que pola súa natureza sexan causantes de malos olores, etc., en zonas próximas a vivendas e en lugares non preparados para iso nin na rede de sumidoiros municipal.

2. Non pode realizarse no termino municipal a eliminación de residuos mediante a súa incineración.

Capítulo IV

Residuos Especiais

Sección Primeira - Terras e Cascallos

Artigo 70.

1. O vertido destes materiais farase necesariamente no vertedoiro de inertes, sen prexuízo do disposto no punto 4 deste Artigo.

2. Queda terminantemente prohibido depositar nos recipientes normalizados os cascallos procedentes de calquera clase de obras.

3. O pequeno cascallo que resulte asimilable no sistema de eliminación e tratamento de lixos adoptado polo municipio poderá ser depositado no Punto Limpo.

4. Poderá autorizarse excepcionalmente o vertido de cascallo non asimilable nos terreos que propoña o solicitante sempre que se trate de material inerte e conte co informe favorable dos Técnicos Municipais.

5. No suposto anterior de utilización do cascallo ou terras para recheos ou utilización en terreos particulares deberá solicitarse previamente a preceptiva licencia municipal, acompañando se é o caso memoria sobre impacto medio ambiental.

Poderá autorizarse así mesmo con carácter provisional o depósito de cascallos mentres se realice unha obra determinada.

6. Queda prohibido acumular productos nocivos perecedoiros en soares ou terreos.

Artigo 71.

1. Prohíbese depositar na vía pública toda clase de cascallos ou desperdicios procedentes de obras de construcción e remodelación de edificios ou de obras realizadas no interior dos mesmos, sexa na totalidade ou nalgunha das vivendas.

2. Igualmente queda prohibido almacenar na vía pública, fóra dos límites do valo protector das obras, material de construcción: area, ladrillos, cemento, etc., así como a súa manipulación.

Artigo 72.

1. Os residuos e materiais do artigo anterior só poderán almacenarse na vía pública utilizando para iso contedores adecuados instalados nela que deberán cumprir os requisitos e condicións que se sinalan na Ordenanza Municipal correspondente ou que sexan autorizados polo Concello.

2. A colocación de contedores requirirá autorización municipal, tralo pago das taxas correspondentes.

3. Os contedores deben estar dotados dos dispositivos adecuados que permitan mantelos cubertos cando non sexan utilizados, para preservar o ornato urbano e evitar que outras persoas boten neles lixos domiciliarios ou trastes inútiles.

4. Cando os contedores se atopen cheos de cascallos procederase, en prazo non superior a vintecatro horas, á súa retirada e substitución por outros baleiros. Para estes efectos os materiais depositados non poderán exceder en ningún caso o plano delimitado polas arestas superiores do contedor, estando prohibido o uso de suplementos ou engadidos para aumentar a capacidade do recipiente.

En caso de incumprimento, o Concello poderá retirar o contedor que, unha vez baleiro, quedará en depósito, tralo pago dos gastos a que ascenda a retirada, transporte e vertido.

Sección segunda - Réxime do Vertedoiro de Inertes

Artigo 73.

O vertedoiro de inertes é unha instalación de titularidade municipal que ten por obxecto o vertido controlado de residuos non perigosos procedentes de demolicións ou cascallos de obras.

Artigo 74.

1. O productor dos residuos, de xeito previo ó inicio dos vertidos, presentará un documento de solicitude de admisión no que se reflectirán os datos do productor e mailas características do residuo (proceso productor, caracterización fisicoquímica, cantidade estimada, periodicidade de envío e calquera outro que se estime oportuno).

2. Unha vez aceptado o vertido polo Concello ou pola empresa adxudicataria da xestión indirecta, o proceso será o seguinte:

a) Corresponde ó productor dos residuos o seu transporte ata o vertedoiro.

b) O xestor das instalacións, de xeito previo ó vertido, comprobará que os residuos se correspondan cos previamente autorizados.

c) Pesada do camión en carga.

d) Descarga do camión baixo as indicacións do responsable das instalacións.

e) Pesada do camión baleiro.

f) Liquidación do canon de vertido.

g) Reflexo documental de todo o proceso, con entrega de xustificante ó productor.

Artigo 75.

O Concello de Monforte de Lemos establecerá e regulará a través da correspondente ordenanza fiscal a taxa por utilización do vertedoiro de inertes.

Sección Terceira - Aparatos Metálicos, Útiles de Madeira e Outros Obxectos Inútiles

Artigo 76.

1. Queda prohibido depositar nos espacios públicos, mobles, utensilios e obxectos inútiles para que sexan retirados polos camións contedores da recollida domiciliaria.

2. Queda prohibido depositar na vía pública obxectos para reserva de espacio.

3. Queda prohibido o abandono de vehículos nas vías públicas. Nestes casos o Concello procederá conforme ó disposto na Lei sobre Tráfico, Circulación de Vehículos de Motor e Seguridade Vial.

4. Queda prohibido ter como expositores na vía pública vehículos ou calquera outro dispositivo así como utilizar a vía pública como exposición de alimentos ou materiais, agás postos do mercado autorizados. Estes artigos poderán ser requisados por persoal municipal e sempre se cobrarán as taxas correspondentes.

5. As persoas que desexen desprenderse de tales elementos utilizando os servicios municipais solicitarano nas oficinas xerais, cubrindo o correspondente impreso, con antelación suficiente.

5.1. Establécense o PRIMEIRO MARTES DE MES ou o inmediato día hábil posterior se este fose festivo, para os aparatos metálicos (neveiras, lavadoras, cociñas, electrodomésticos en xeral, somieres,...).

5.2. Establécense os ÚLTIMOS MARTES DE MES ou o inmediato día hábil posterior se este fose festivo, para os útiles de madeira e outros obxectos (sofás, camas, armarios, colchóns,...).

5.3. En calquera caso se fose urxente desprenderse dalgún destes obxectos, os propios posuidores poderán trasladalos e entregalos pola súa conta no Punto Limpo.

Sección Cuarta - Animais Mortos

Artigo 77.

As persoas que necesiten desprenderse de animais mortos enterraranos en lugar apropiado debendo indicar ós operarios municipais a causa da morte, co fin de que se adopten as medidas sanitarias pertinentes na súa eliminación; antes de enterralos, deberán obter o permiso Municipal ou sanitario correspondente. Se coincide día inhábil a comunicación á Autoridade competente, poderá solicita-lo permiso o seguinte día hábil.

Artigo 78.

A retirada de animais mortos na vía pública será competencia do Servicio Municipal de Limpeza ou Empresa Concesionaria do Servicio e do propietario se é coñecido.

Sección Quinta - Residuos Clínicos

Artigo 79.

Para os efectos desta ordenanza consideraranse residuos clínicos:

1. Os procedentes de vendaxes, gasas, algodón, xiringas, restos de medicamentos ou os seus envases, tubos de ensaio, etc.

2. Os asimilables ou residuos domiciliarios, tales como restos de comida, lixos procedentes da limpeza e embalaxes, de Residencias e Centros Sanitarios.

3. En xeral todo residuo que se produza en clínicas, sanatorios, hospitais, laboratorios e demais establecementos sanitarios de carácter análogo.

Artigo 80.

1. Os residuos procedentes de centros sanitarios han de estar debidamente envasados e pechados, utilizando para iso recipientes normalizados.

2. En ningún caso se permitirá o depósito ou vertido de materias radioactivas nin de restos patolóxicos.

3. Non se autorizará o vertido no termo municipal debendo facelo nos lugares autorizados pola Comunidade Autónoma.

Sección Sexta - Outros Residuos

Artigo 81.

Inclúense neste epígrafe outros residuos non sinalados especificamente entre os especiais ou aqueles que, procedendo de actividades comerciais, esixan unha recollida, transporte e tratamento selectivo por razón das condicións anormais en que os mesmos puidesen atoparse.

Artigo 82.

Os donos dos establecementos comerciais que teñan que desprenderse de alimentos deteriorados, conservas caducadas, trala obtención da licencia correspondente, deberán trasladalos ó Punto Limpo. Neste lugar e no Concello proporcionarán canta información sexa precisa para lograr unha correcta eliminación.

Artigo 83.

Non se permitirá o vertido incontrolado en todo o Municipio, en particular de productos químicos, materias graxas, oleaxinosas, líquidos e calquera outro material non asimilable ou que sexan propios de Vertedoiros industriais ou especiais, nin en contedores nin en redes de sumidoiros.

Capítulo V

Do tratamento dos residuos

Artigo 84.

1. Son de exclusiva competencia Municipal o Vertedoiro de Inertes e o Punto Limpo e plantas de eliminación de lixos e residuos urbanos.

2. A xestión do Servicio poderá facerse mediante xestión directa ou indirecta. Polo Concello de Monforte de Lemos poderanse establecer, ademais dos vertedoiros, estacións de transferencia ou planta de eliminación mediante convenios ou outros acordos con SOGAMA, a Xunta de Galicia ou outras Entidades Locais, para vertedoiros destinados ó vertido de residuos especiais e cascallos.

Artigo 85.

As instalacións industriais para a eliminación e aproveitamento dos residuos, nas súas formas de compostaxe, reciclaxe, incineración, pirólise e pirofusión, etc., estarán ó que dispoñan as leis vixentes na materia.

Artigo 86.

1. Queda prohibido no ámbito do termo municipal o depósito e vertido de lixos e residuos en zonas distintas ás instalacións municipais dedicadas a tal fin.

2. Todo vertedoiro clandestino será clausurado sen prexuízo das sancións ás que houbese lugar.

3. Cando a Administración ordene a limpeza e/ou peche dun soar ó seu propietario e o mesmo non o fixese, no prazo que se lle outorga, a administración procederá a realizar a obra de forma subsidiaria con gastos por conta do obrigado, independentemente da sanción que lle fose imposta por desobediencia á autoridade.

Artigo 87.

1.- O Concello a través dos servicios técnicos e dos axentes da policía municipal ou outro persoal municipal denunciarán cantas infraccións se produzan en relación coas normas da presente ordenanza.

2.- Igualmente poderá calquera persoa natural ou xurídica denunciar ante o Concello as infraccións da presente ordenanza.

Título V

Protección medio ambiental fronte a actividades xeradoras de po, fumes, líquidos ou outros elementos de contaminación.

Artigo 88.-

O presente título ten por obxecto a regulación de cantas actividades, situacións e instalacións sexan susceptibles de producir emisións de gases ou de partículas sólidas ou líquidas no Termo Municipal de Monforte de Lemos para evitar a contaminación atmosférica ou acuífera e o risco que provoquen á saúde humana, ós recursos naturais e ó medio ambiente.

Artigo 89.-

Para os efectos desta ordenanza considérase contaminación a presencia no aire ou augas de materias que impliquen risco, dano ou molestias graves para as persoas ou bens de calquera natureza.

Enténdese por límites de inadmisión as presencias na atmosfera ou nos acuíferos de elementos contaminantes que illadamente ou asociados con outros superen as concentracións máximas tolerables, sendo estas as establecidas pola lexislación estatal, autonómica ou da Unión Europea aplicable á actividade de que se trate.

Os establecementos e instalacións susceptibles de producir contaminación deberán cumprir na súa integridade as medidas correctoras impostas para a concesión da licencia de apertura e mantelas en adecuado estado de funcionamento. Así mesmo, se a pesar diso producisen contaminación, deberán presentar ante esta Entidade Local un proxecto de ampliación de actividade, tramitado conforme ó disposto no Regulamento de Actividades Molestas, Insalubres, Nocivas e Perigosas onde aparezan corrixidas no estudio subscrito polo técnico competente de cumprimento do disposto na normativa reguladora de aplicación.

No referido estudio ou proxecto xunto co de ampliación se é o caso deberá figurar o de depuración de emisións xa existentes, adoptando aqueles medios anticontaminantes necesarios e as medidas preventivas, correctoras e/ou reparadoras para reducir ditos niveis a límites regulamentarios.

Cando os niveis de emisión de contaminación superen os indicados na normativa vixente, tralo requirimento municipal, o productor dos mesmos deberá presentar no prazo de dous meses o referido proxecto técnico, podendo en caso de incumprimento e de existir risco ambiental decretarse pola Entidade Local a suspensión temporal da licencia de apertura de que dispoña.

Artigo 90.-

Os técnicos municipais así como o persoal que sexa oficialmente designado para realizar a inspección e verificación das instalacións, empresas ou establecementos, gozarán no exercicio das súas funcións da consideración de "Axentes da Autoridade".

Artigo 91.-

O Concello poderá esixir ás empresas potencialmente contaminadoras a medición dos contaminantes vertidos polo menos unha vez ó ano, podendo aumentar a súa frecuencia se os servicios técnicos municipais o consideran xustificado. Tal medición, que será supervisada polos servicios técnicos municipais, deberá ser realizada por empresa ou laboratorio homologado e deberá ser remitida ó Concello.

En caso de incumprimento do anteriormente disposto as medicións serán realizadas polo Concello ou por unha entidade colaboradora da Administración, debendo aboar as empresas incumpridoras os gastos orixinados con independencia da posible sanción administrativa.

Artigo 92.-

As actividades potencialmente contaminantes serán inspeccionadas polo Concello de oficio ou a instancia de parte cando se presuma que a contaminación poida ser excesiva ou o requira a planificación establecida polos servicios municipais.

A inspección municipal comprenderá as comprobacións seguintes:

1. De que continúan cumpríndose as condicións e as medidas correctoras establecidas no outorgamento das licencias ou autorizacións correspondentes.

2. Comprobación de que se respectan os niveis de emisión legalmente vixentes en cada momento.

As actuacións inspectoras así como as probas, ensaios ou comprobacións poderán ser realizadas tanto polos propios servicios municipais como mediante a asistencia técnica procedente.

Artigo 93.

Respecto da actividade agropecuaria, e mentres non se traspoña a Normativa Europea sobre o xurro polo Estado Español e pola Comunidade Autónoma de Galicia, para a aplicación de dexeccións liquidas de explotacións gandeiras en solos agrícolas e pastos, deberán terse en conta distancias de separación de fontes e cursos de auga.

1. Deixar unha zona de entre 2 e 10 metros de ancho na beira do curso sen fertilizar, evitando calquera goteo neles. O ancho da zona estará en función da altura da cuberta vexetal, a menos altura máis ancho.

2. Non aplicar efluentes orgánicos nun radio de 35-50 metros, ó redor dunha fonte, pozo ou perforación que subministre auga para consumo humano. Se o terreo é moi permeable aumenta-lo radio.

Título VI

Publicidade: Valados Publicitarios, Megafonía, Publicidade a domicilio, Recadros para a Publicidade, Marquesiñas, Pintadas, Graffitis, Pancartas, e Outros

Artigo 94.

1. Queda prohibido repartir ou lanzar carteis, folletos ou follas soltas, luxando os espacios públicos e a colocación de publicidade en lugares non autorizados.

2. Terá a consideración de acto independente para o efecto de sanción cada actuación separada no tempo ou no espacio, contraria ó establecido no número anterior, sendo responsables da infracción aquelas persoas físicas ou xurídicas que promovan ou xestionen a publicidade, e, en defecto delas e salvo proba en contrario, aquelas a favor de quen se faga a mesma.

3. Os folletos publicitarios depositaranse nas caixas do correo ou lugares designados por cada comunidade, nunca por debaixo das portas ou de forma que se poidan esparexer pola vía pública.

4. Sen prexuízo das sancións ás que houbese lugar tipificadas nesta Ordenanza, correrán cos gastos de limpeza ocasionados por tal actitude as empresas ou persoas físicas anunciadas, salvo denuncia expresa, ou os autores da súa colocación se se logra a súa identificación.

5. Queda prohibido aparcar carriños ou vehículos similares con valos publicitarios en terreos públicos ou privados, salvo os expresamente autorizados coa correspondente licencia municipal. En todo caso non se permitirá o seu estacionamento na vía pública, no mesmo lugar, por un período superior a 24 horas.

Artigo 95.

1. Co obxecto de manter as condicións de limpeza e pulcritude que esixe o ornato e a estética da Cidade, queda prohibido:

a) Colocar carteis en paredes, muros, quioscos, fachadas, farolas, enreixados, valos, papeleiras, contedores, marquesiñas de parada de autobús, mobiliario urbano en xeral.

b) Prohíbese a realización de toda clase de pintadas na vía pública; tanto sobre os seus elementos estructurais (beirarrúas, calzadas, mobiliario urbano) como sobre os muros ou fachadas dos edificios.

Quedan excluídas desta prohibición as pintadas ou murais artísticos que se realicen sobre valados dos soares, medianeiras, etc., que sexan autorizadas polo Concello.

c) Raspar, luxar ou arrincar aqueles carteis ou anuncios situados nos lugares autorizados para o efecto.

d) O esparexemento de folletos ou follas de publicidade pola vía pública (repite 93.4).

2. Consideraranse separadamente como actos sancionables as actuacións contrarias ó disposto no punto anterior en relación cos anuncios ou carteis de calquera contido fixados en cada inmoble ou demais lugares prohibidos, podendo impoñerse sancións por cada cartel ou folleto que transgredisen estas normas.

3. Por parte do Concello de Monforte de Lemos regúlanse os seguintes lugares destinados á instalación de publicidade: recadros azuis e marquesiña de publicidade oficial no núcleo urbano e paneis colocados ó lado das marquesiñas de parada de autobús na zona rural.

Artigo 96.

Colocación de pancartas.

Queda prohibida a colocación de pancartas en calquera dos elementos estructurais existentes no casco urbano: edificios, muros, pontes, valados, beirarrúas, elementos do mobiliario urbano e similares.

A colocación de pancartas soamente se autorizará:

· En período de eleccións políticas.

· En período de festas populares ou tradicións.

· En eventos culturais ou deportivos de especial interés.

· En situacións que expresamente se sinalen polo Concello.

Deberán ser retiradas nos 10 días seguintes ó do vencemento do prazo para o que foron autorizadas.

Artigo 97.

1. Os propietarios ou titulares de inmobles, monumentos, quioscos, etc., coidarán, en cumprimento da obriga establecida no artigo 13, de manter limpas as paredes e fachadas de calquera tipo de anuncio que non sexa o específico dunha profesión ou actividade mercantil.

2. Unicamente se permitirá a colocación de carteis ou anuncios nos sitios destinados para este obxecto, que estarán delimitados por un recadro de cor azul.

3. Así mesmo os propietarios dos soares coidarán que os valos estean en perfecto estado de conservación, limpándoos e pintándoos, especialmente no núcleo urbano, coidando que non saia ningún tipo de vexetación ó exterior.

Artigo 98.

Cando un inmoble fose obxecto de pintadas ou pegada de carteis, o propietario ou persoa encargada comunicarao ó Concello, o cal decidirá se procede á limpeza por persoal municipal, con cargo á persoa ou Empresa responsable da actuación, en caso de ser esta coñecida, sendo todo iso sen prexuízo da obriga xenérica de manter por parte dos propietarios a limpeza das fachadas.

Artigo 99.

1. Durante todo o ano a publicidade colocarase unicamente nos lugares autorizados.

Durante os períodos electorais e aqueloutros de xeral participación cidadá, nos que sexa pertinente a realización de actos de propaganda e publicidade, o Concello de Monforte de Lemos adoptará, de conformidade co que se dispoña na respectiva normativa, espacios especialmente reservados para a súa utilización como soportes publicitarios.

2. Para os efectos de sancións a que houbese lugar en relación a este artigo serán responsables o Presidente Local ou cargo de máxima responsabilidade do Partido na localidade e, se se tratase de Eleccións Locais, o Cabeza de Lista do Partido ou da Agrupación que se presente.

3. O Concello, en exemplo do cumprimento desta Ordenanza, respectará para a difusión dos seus Bandos e Carteis os puntos anteriores.

Título VII

Réxime Sancionador

Capítulo I - Normas Xerais

Artigo 100.

1. O Concello incoará de oficio expedientes sancionadores baseándose nas denuncias dos servicios técnicos e dos axentes da Policía Municipal polas infraccións que se produzan en relación coas normas da presente ordenanza.

2. Igualmente poderá denunciar as infraccións, se é o caso, o persoal da Empresa Concesionaria, nos supostos de xestión por esta do Servicio.

3. Toda persoa natural ou xurídica podrá denunciar ante o Concello as infraccións da presente ordenanza.

Artigo 101.

1. As responsabilidades derivadas do incumprimento das obrigas sinaladas na presente Ordenanza serán esixibles non só polos actos propios, senón tamén polos daquelas persoas de quen se deba responder e polo proceder dos animais ou causas que se fose propietario.

2. Cando se trate de obrigas colectivas, a responsabilidade será atribuída á respectiva comunidade de propietarios ou habitantes do inmoble cando non estea constituída e, para o efecto, as denuncias formularanse contra o mesmo ou, se é o caso, a persoa que ostente a súa representación.

3. Cando se trate de depósito de lixos ou de sacudida de alfombras ou prendas á vía pública e non se poida detectar o infractor exacto do edificio, notificaráselle ó Presidente da Comunidade de Veciños, e poderá responsabilizarse á Comunidade da infracción, caso de non comunicar o nome e domicilio do infractor.

Artigo 102.

1. Consideraranse infraccións administrativas en relación coas materias a que se refire esta Ordenanza os actos ou omisións que contraveñan o establecido nas normas que integren o seu contido.

2. As infraccións clasifícanse en LEVES, GRAVES, E MOI GRAVES, conforme se establece nos artigos seguintes.

Capítulo II - Procedemento Sancionador e Sancións

Artigo 103.

1. Para impoñer unha sanción derivada dunha infracción recollida na presente ordenanza deberá incoarse o oportuno expediente sancionador, que se tramitará conforme ó Real Decreto 1.398/1993 de 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento de procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, e á normativa vixente en materia de procedemento administrativo común

2. A competencia para a incoación dos expedientes e imposición da sanción corresponde á Alcaldía ou a Delegación desta, agás que a lexislación sectorial estatal ou autonómica atribúa a competencia a órganos doutra Administración.

Artigo 104.

Sen prexuízo de que determinados feitos dun lugar a responsabilidade penal ou de que a lexislación sectorial estatal ou autonómica fixe outra tipificación;

1. Considéranse Infraccións Leves:

a) A falta de limpeza das rúas particulares ou outros espacios libres do mesmo carácter.

b) A falta de limpeza nos solares, sen prexuízo do establecido na lexislación urbanística.

c) Botar desperdicios á vía pública así como realizar as operacións prohibidas no Artigo 7, agás cambia-lo aceite e outros líquidos ós vehículos, que terá a consideración de grave.

d) O incumprimento das disposicións en materia de limpeza, nos supostos do Artigo 9.

e) Non manter en constante estado de limpeza as diferentes partes dos inmobles que sexan visibles desde a vía pública, sen prexuízo do establecido na lexislación urbanística.

f) Expoñer alimentos ou outros productos comerciais na vía pública ou vehículos, agás postos autorizados para o mercado ou venda ambulante.

g) Deixar na vía pública residuos procedentes da limpeza de escaparates, portas ou toldos de establecementos comerciais.

h) Raspar, luxar ou arrincar carteis ou anuncios colocados nos lugares autorizados ou colocalos en lugares non autorizados, neste caso aplicarase a falta por cartel.

i) En relación cos recipientes herméticos e baldes (contedores) normalizados: a falta de coidado cos mesmos, colocalos na vía pública ou retiralos fóra do tempo establecido, utilizar outros distintos ós autorizados, quitar lixos que os desborden, etc.

j) Deposita-lo lixo e os desperdicios sen bolsa nos contedores ou na vía pública.

k) Deposita-lo lixo fóra do horario autorizado.

l) Utilizar os contedores de recollida selectiva para depositar residuos domiciliarios distintos dos específicos para cada contedor.

m) Non circular cos cans suxeitos con cadea, correa ou cordón e colar con chapa identificativa e sanitaria.

n) Non circular con cans provistos de bozo cando a súa natureza perigosa e as súas características o fagan necesario ou cando fose ordenado pola autoridade municipal.

o) Non proceder á limpeza das deposicións dos cans en lugares públicos por parte da persoa que o conduza ou, en defecto desta, polo seu dono, así coma, non impedir que os cans fagan as súas deposicións en lugares destinados ó tránsito de viandantes.

p) Introducir ou manter cans en establecementos ou lugares públicos incumprindo as prescricións a que se refiren os Artigos 45 e 46.

q) Dar comida ós animais na vía pública nos termos expresados no Artigo 46.

r) Non manter en adecuado estado de funcionamento por neglixencia a totalidade das medidas correctoras contra a contaminación impostas a unha determinada actividade, ou a realización casual de contaminación por non ter adoptado as medidas correspondentes, sempre que sexa a primeira vez que o infractor incorra nesta conducta.

s) Deixar os residuos ou as bolsas de lixo fóra dos contedores sempre que non se atopen saturados.

t) Deixa-las caixas de cartón fóra dos contedores azuis ou soterrados sen pregar ou introducilas do mesmo xeito, sempre que nos contedores haxa capacidade suficiente.

u) Usar bicicletas nas zonas non permitidas de parques e zonas verdes.

v) Tirar a auga dos baldes de limpeza na vía pública.

w) Realizar pintadas, graffitis, etc. en mobiliario urbano, bambáns (xogos infantís) ou en lugares non destinados para tal fin.

x) Deixar publicidade (panfletos, etc.) nos limpaparabrisas de vehículos estacionados na vía pública ou tirala nos portais ou das caixas do correo á rúa ou calquera outra repartida fóra do autorizado na presente ordenanza.

y) A deficiencia na limpeza de zonas verdes que den a unha vía pública, así coma, deteriora-los elementos vexetais, atacar ou inquietar os animais existentes nas zonas verdes ou abandonar nas mesmas especies animais de calquera tipo.

z) Practicar xogos e deportes en sitios e de forma desaxeitada, usando inadecuadamente o mobiliario urbano.

2. Consideraranse Infraccións Graves:

a) A reincidencia en tres infraccións leves.

b) Cambiar o aceite e outros líquidos ós vehículos na vía e espacios libres públicos.

c) Realizar actos de propaganda mediante reparto, lanzamento de carteis, folletos, follas soltas, etc., que luxen os espacios públicos.

d) Omitir as operacións de limpeza despois da carga ou descarga de vehículos ou incumpri-las obrigas do Artigo 10.

e) Incumpri-las normas relativas á retirada de cascallos procedentes de obras e limpeza nas vías públicas que sinalan os Artigos 11 e 12.

f) Colocar carteis en lugares non permitidos e realizar inscricións ou pintadas en lugares non autorizados segundo os Artigos 93 e 94.

g) Usar indebidamente ou danar os recipientes herméticos subministrados polo Concello así como causar deterioración nas papeleiras.

h) Abandonar mobles ou obxectos na vía ou espacios públicos.

i) Abandonar cadáveres de animais ou a súa inhumación en terreos de dominio público.

j) Abandonar vehículos nas vías públicas.

k) Levar cans ou outros animais a lugares sinalados nos Artigos 45 e 46.

l) A omisión por parte dos propietarios dos terreos e edificacións das obrigas sinaladas no artigo 87 desta Ordenanza, sen prexuízo do establecido na lexislación urbanística.

m) A instalación e uso de aparellos de reproducción de música no exterior dos establecementos.

n) A reiteración e habitualidade na producción de contaminación por po, fumes, líquidos ou outros elementos sen adoptar as medidas correctoras ou por insuficiencia das mesmas sen ter procedido á tramitación do expediente de ampliación de actividade regulada nesta Ordenanza.

o) Descoido na vixilancia de cans gardiáns que poidan ocasionar perigo de agresión ás persoas e danos nas cousas ou perturbación da tranquilidade cidadá.

p) Non facilitar o dono dun can que trabase a unha persoa os datos que lle requira a persoa agredida ou as autoridades competentes.

q) Non advertir en lugar visible da existencia de cans.

r) Non cumprir coas prescricións de carácter sanitario que determina o Artigo 52.2 e 52.4.

s) Deixar soltos en espacios exteriores animais daniños ou feroces.

t) Abandonar animais mortos.

u) Inflixir danos graves ou cometer actos de crueldade ou malos tratos contra animais.

v) Non retira-los contedores de obras no prazo establecido.

w) A implantación de zonas verdes contravindo o disposto nos artigos 16, 17 e 23.

x) Usar vehículos a motor en zonas non autorizadas de parques e zonas verdes excepto minusvalidos.

3. Consideraranse Infraccións moi graves:

a) Reincidencia en dúas faltas graves.

b) Dedicarse á recollida, transporte ou aproveitamento de residuos sen a debida autorización.

c) Non proporcionar ó Concello os datos relativos á natureza dos residuos ou facilitar información falsa sobre os mesmos.

d) Vertido de lixos e residuos sólidos en lugares non autorizados.

e) Queimar lixos.

f) Depositar residuos clínicos.

g) Exercicio dunha actividade nun local que non dispoña de licencia municipal de apertura, sen prexuízo do establecido na lexislación urbanística.

h) O exercicio dunha actividade nun establecemento cando a súa licencia se atope retirada provisional ou definitivamente ou caducada, sen prexuízo do establecido na lexislación urbanística.

A obstrucción da saída de urxencia ou a falta de funcionamento das portas antipánico

i) A rotura total ou parcial de árbores ou arrincar plantas de parques, xardíns ou xardineiras públicas.

j) Que a acción ou omisión infractora afecte a plantacións que estivesen catalogadas como de interese público.

k) Que o estado dos elementos vexetais supoña un perigo de propagación de pragas ou enfermidades ou entrañe grave risco para as persoas.

l) A celebración de festas, actos públicos ou competicións deportivas sen autorización municipal.

Artigo 105.

Fíxase o seguinte cadro de sancións:

a) FALTAS LEVES: Apercibimento e multas de 20 euros a 100 euros.

b) FALTAS GRAVES: Multas de 100 euros a 500 euros e/ou peche temporal da actividade.

c) FALTAS MOI GRAVES: Multas de 500 euros a 6.000 euros e/ou peche temporal da actividade ou peche definitivo.

Artigo 106.

Para determina-la contía da sanción atenderase ás circunstancias concorrentes nos feitos que a motivaron, tales como natureza da infracción, grao de ntencionalidade e reincidencia así como aqueles factores que poidan considerarse como atenuantes ou agravantes.

Artigo 107.

A prescrición das faltas producirase:

-INFRACCIÓNS LEVES: 6 meses.

-INFRACCIÓNS GRAVES: 2 anos.

-INFRACCIÓNS MOI GRAVES: 5 anos.

Disposición final:

Esta ordenanza entrará en vigor unha vez aprobada polo Pleno da Corporación segundo o procedemento previsto e fose publicado o seu contido na forma e coas condicións que establece o punto 2º do artigo 70 da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local.

ORDENANZA MUNICIPAL SOBRE FACHADAS, ELEMENTOS CONSTRUCTIVOS E SOLARES

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Conseguir unha cidade máis limpa, máis coidada e, en definitiva, máis humana é un obxectivo fundamental de calquera goberno municipal en pleno século XXI. Os cidadáns teñen dereito a vivir nun entorno agradable, no que, ademais da seguridade, os compoñentes estéticos teñen unha importancia fundamental.

É deber dos poderes públicos realizar aquelas accións e impulsar aquelas infraestructuras que contribúan a lograr este obxectivo.

Pero tamén é responsabilidade da sociedade civil contribuir, no ámbito das súas propiedades e das súas actividades, a lograr esta meta.

O Concello de Monforte de Lemos considera fundamental, pois, avanzar no camiño da humanización da nosa cidade para conseguir, en definitiva, un maior benestar para tódolos monfortinos.

Neste senso, o Concello de Monforte de Lemos, co obxectivo de conseguir un entorno máis limpo e agradable, así como máis seguro para as persoas e os bens, dicta a presente ordenanza de fachadas e solares.

Esta ordenanza díctase de conformidade coa lexislación reguladora do réxime local, a lexislación urbanística, o Código Civil e a restante normativa de aplicación.

A presente ordenanza é de xeral aplicación no casco urbano do concello de Monforte de Lemos

A presente ordenanza é de obrigado cumprimento para tódalas persoas e actividades que se atopen en funcionamento, exercicio ou uso no casco urbano de Monforte de Lemos.

Serán responsables do cumprimento desta ordenanza as persoas físicas ou xurídicas que ostenten a propiedade dos inmobles ou terreos afectados, así como os promotores das actividades que puidesen vulnerar a presente ordenanza.

O establecido na presente ordenanza será de aplicación sen prexuizo do control urbanístico ordinario realizado polo concello dacordo coa lexislación urbanística vixente.

Artigo 1.- Normas para o mantemento de edificios no solo urbano.

Os propietarios de edificios situados dentro do solo urbano deberán manter os mesmos en condicións de seguridade, salubridade e ornato público, coa finalidade de impedir riscos para as persoas e as cousas, impedir perigos para a hixiene colectiva e manter unha imaxe urbana agradable.

Neste senso, deberán ser sometidos ós labores de reparación ou mantemento todos aqueles elementos constructivos exteriores das edificacións, que presenten un aspecto descoidado debido ó esgotamento ou deterioro dos mesmos ou a calquera outra causa (pintura en mal estado, invasión de maleza, elementos que presenten riscos de desprendemento, etc.)

Esta ordenanza esténdese a todos os elementos constructivos exteriores (fachada, paramentos e cuberta), así como ós demais elementos expostos ó exterior (aleiros, cornixas, gárgolas, canalóns, pretís, galerías, balcóns, ménsulas, chapados, escudos, etc.)

Deberase, especialmente, acondicionar todos aqueles elementos constructivos dos edificios (fachadas, medianeiras, etc) que presenten materiais á vista que deban ser recubertos segundo a normativa urbanísitca vixente (ladrillos, bloques de cemento, uralita, etc).

Esta ordenanza resulta de aplicación a tódalas edificacións situadas no casco urbano, públicos ou privados, con independencia do seu uso ou destino e antigüidade.

Artigo 2.- Normas para o mantemento de terreos e solares

a) Os propietarios dos terreos que linden coa via pública deberán pechalos con cerramentos axeitados, situados na alineación oficial e seguindo as prescripcións establecidas na normativa urbanistica. En todo caso, deberán ser construidos con materiais que garantan a súa estabilidade e conservación. O acabado dos cerramentos deberá ser opaco. Os peches dos terreos situados no casco histórico deberán coidar especialmente os aspectos de integración no entorno, dacordo coa normativa urbanistica en vigor.

b) O interior dos devanditos terreos deberán manterse libres de residuos e maleza e en condicións de hixiene, ornato e seguridade en xeral.

c) A altura dos cerramentos será a que se indica a continuación, téndose que construir con materiais que garanticen a estabilidade e conservación, respetando as seguintes normas:

- Terreos e solares en solo urbano.- Muro opaco cunha altura entre 1,80 metros e 2,20 metros.

- Terreos e solares dentro do ámbito do casco histórico.- Muro con material de mampostería de pedra cunha altura máxima de 1,50 metros.

Artigo. 3.- Licencia municipal.

As actuacións encamiñadas a dar cumprimento ós aspectos regualados nos artigos 1 e 2 deberán contar coa preceptiva licenza municipal.

Artigo 4.- Determinación dos terreos e solares.

Para a catalogación dos terreos ós que se refire esta ordenanza, será de aplicación a definición e aspectos que contemplan as normas urbanísiticas vixentes no concello de Monforte de Lemos.

Artigo 5º.- Procedemento.

O procedemento para esixir o cumprimento do establecido na presente ordenanza pódese iniciar de oficio ou a instancia de calquera persoa que teña constancia do seu incumprimento.

O incumprimento do establecido nesta ordenanza facultará ó concello para facer uso das súas facultades permanentes de policía urbanística e ordear a execución das medidas necesarias para facela cumprir.

O Concello utilizará os instrumentos de que dispón (servicios urbanísticos municipais, policía local, bombeiros…) para facer cumprir o establecido nesta ordenanza.

En caso de que o responsable incumprise a orde do concello, a institución municipal poderá dispoñer á súa execución forzosa, mediante a imposición de multas coercitivas cuxa contía ven determinada nos artigos seguintes. Se aínda así persistise o incumprimento, o concello procederá á execución subsidiaria das medidas necesarias, repercutindo os custos ás persoas responsables.

Artigo 6º.- Réxime disciplinario.

O órgano competente para sancionar as infraccións tipificadas nesta ordenanza é o alcalde-presidente ou persoa en quen delegue.

As responsabilidades derivadas do incumprimento das obrigas sinaladas nesta ordenanza, serán esixibles non só polos actos propios, senón tamén polos daquelas persoas de quen se debe responder.

Artigo 7º.- Consideración das infraccións.

Considéranse infraccións administrativas en relación cos materias ás que se refire esta ordenanza os actos ou omisións que contraveñan o establecido nas normas que integran o seu contido.

As infraccións clasifícanse como leves, graves ou moi graves, conforme se establece nos seguintes artigos.

Artigo 8º.- Infraccións leves.

- En xeral, o incumprimento dos requisitos, obrigas e prohibicións establecidas nesta ordenanza que non estean clasificadas como graves ou moi graves.

- Non cumprir o requerimento realizado polo concello unha vez transcorridos 2 meses dende a notificación do mesmo.

Artigo 9º.- Infraccións graves.

- A reincidencia nas infraccións leves.

- Non proceder ó cumprimento do requerimento realizado polo concello, unha vez transcorridos 2 meses desde a notificación, cando haxa risco inminente para pesoas, vivendas ou bens doutra índole.

- Non permitir o acceso ó persoal de vixilancia no desenvolvemento do seu labor de inspección.

Artigo 10º.- Infraccións moi graves.

Cando nas infraccións graves concorran, ademais, algunha das seguintes circunstancias:

- A reincidencia nas faltas graves.

- Malicia ou intencionalidade.

- Irreversibilidade do dano causado.

- Grave repercusión nas persoas, os bens ou o patrimonio público, histórico ou natural.

Artigo 11º.- Determinación das sancións.

Sen prexuizo de esixir, cando proceda, as responsabilidades de carácter penal ou civil correspondentes, a contía das sancións serán as seguintes:

- Infraccións leves: multa entre 50 e 500 euros.

- Infraccións graves: multa entre 501 e 1.000 euros.

- Infraccións moi graves: multa entre 1.001 e 2.000 euros.

Para determinar a contía das sancións atenderase ás circunstancias concorrentes nos feitos que as motivaron, tales como a natureza e dimensión da infracción, grao de intencionalidade ou reincidencia, así como aqueles factores que se poidan considerar como atenuantes ou agravantes.

Será considerado reincidente quen incorrese en infracción nas mesmas materias durante os doce meses anteriores e así fose sancionado.

Artigo 12º.- Premios.

Establécese un premio anual, cunha dotación de 6.000 euros para premiar á rúa de Monforte que máis se distinga polo seu adecentamento, ornato e embelecemento. O importe económico deste premio invertirase na mesma rúa.

As condicións deste premio serán desenvolvidas regulamentariamente.

Disposición adicional.

UNICA: O establecido na presente ordenanza enténdese sen prexuizo das actuacións que correspondan a outros organismos da Administración, dentro das súas respectivas competencias.

Disposición transitoria.

UNICA: Establecese un periodo de carencia de 3 meses dente a entrada en vigor da presente ordenanza para que aqueles feitos que supoñan incumprimento do disposto na mesma se adapten ás súas prescripcións.

Disposición derradeira.

UNICA: A presente ordenanza entrará en vigor unha vez publicado o seu texto íntegro no Boletín Oficial da Provincia (BOP), e teña transcorrido o prazo establecido no artigo 65.2 da Lei de Bases do Réxime Local.

ORDENANZA REGULADORA DA INSTALACIÓN DE TERRAZAS NO CONCELLO DE MONFORTE DE LEMOS

CAPITULO I

DISPOSICIONS XERAIS

Artigo 1.- Obxecto.

A presente ordenanza ten por obxecto regular o réxime xurídico ó que debe someterse o aproveitamento de terreos de dominio público municipal, mediante a súa ocupación temporal con mesas e elementos auxiliares das mesmas.

Artigo 2.-

O aproveitamento que regula a presente ordenanza referirase exclusivamente á ocupación con terrazas anexas a establecementos hosteleiros ubicados en inmoble ou local.

Artigo 3.- Concepto.

Entenderase por terrazas anexas a establecementos hosteleiros situados en inmoble ou local, a ocupación de terreos de dominio público mediante a localización naquel de mesas, cadeiras, parasoles, toldos, xardineiras ou calquera outro elemento análogo en liña de fachada ou frente ó establecemento, e sen barra de servicio distinta da do propio establecemento.

Artigo 4.- Licenzas.

A ocupación de terreos de dominio público definidos no artigo 3 suxeitarase á licenza administrativa.

Artigo 5.- Requisitos xerais.

Con carácter xeral, as instalacións ás que se refire a presente ordenanza rexeranse polo disposto no capítulo II.

Artigo 6.- Singularidades.

Ademais do establecido no artigo anterior, os emprazamentos deberán cumprir os seguintes requisitos:

Queda prohibida a ocupación de:

- Entradas a galería visibles.

- Bocas de rego.

- Hidrantes de incendio.

- Saídas de emerxencia.

- Paradas de transporte público regularmente establecidas.

- Aparatos de control de tráfico.

- Centros de transformación e arquetas de rexistro de servizo público.

- Pasos peonís sinalizados.

- Calzadas con circulación de vehículos.

Non poderá colocarse ningún elemento que dificulte a manobra de entrada ou saída de vados permanentes de paso para vehículos.

En ningún caso se poderán colocar elementos fixos ou permanentes cuxa colocación ou desmontaxe requira a realización dalgunha obra especial, agás os toldos, que se efectuará consonte o previsto no artigo 14.1 desta ordenanza.

Artigo 7.- Prohibicións e limitacións.

7.1- Queda absolutamente prohibida a instalación de billares, futbolíns, máquinas recreativas, de azar, expendedoras de bebidas e de calquera outro tipo análogo nas terrazas obxecto de regulación na presente ordenanza.

7.2- Asimesmo queda estrictamente prohibida a instalación de calquera clase de aparatos reproductores de imaxe e sonido.

7.3- Nos establecementos ubicados dentro do ámbito do casco histórico, o mobiliario das terrazas non poderá conter publicidade algunha. Asimesmo, a súa tipoloxía deberá ser acorde co entorno.

Artigo 8.- Actividades incluidas.

A licenza para instalar terrazas dará dereito a expender e consumir na mesma os mesmos productos que poidan selo no interior do establecemento do cal dependan.

Artigo 9.- Actividades excluidas.

A presente ordenanza non será de aplicación ós actos de ocupación da vía pública que, sendo de carácter hosteleiro, se realicen con ocasión de feiras, festexos, actividades deportivas ou análogas, que se suxeitarán ás súas normas específicas.

Artigo 10.- Efectos.

10.1 Todas as licenzas outorgaranse deixando a salvo o dereito de propiedade e sen prexuizo de terceiros. O exercicio da actividade realizarase a risco e ventura dos interesados.

10.2 A licenza non poderá ser arrendada, subarrendada nin cedida, directa ou indirectamente, en todo ou en parte.

Artigo 11.- Dereitos do autorizado.

O titular da licenza terá dereito a exercer as actividades nos termos previstos na propia licenza, con suxeición ás prescripcións establecidas nesta ordenza e demais preceptos legais aplicables.

Artigo 12.- Excepcións.

Malia ó establecido no artigo anterior, cando xurdisen circunstancias imprevistas ou sobrevidas de urbanización ou de implantación, supresión ou modificación de servizos públicos, o concello, poderá revocar ou suspender a licenza concedida sen dereito a indemnización a favor do interesado. Neste caso, devolveráselle a parte do prezo público que corresponda proporcionalmente ó tempo en que non poida manter instalada a terraza.

Artigo 13.- Obrigas.

13.1 Serán por conta do titular da licenza a instalación dos elementos e a realización, á súa costa, das obras necesarias para a instalación dos toldos, para o cal deberá estar en posesión da correspondente licenza.

13.2 Será obriga dos titulares das terrazas manter ás mesmas e ós elementos que as compoñen, nas debidas condicións de limpeza, seguridade e ornato. A tales efectos, estarán obrigados a dispor dos elementos de recollida e almacenamento dos residuos que puidesen suxar o espazo público.

13.3 Queda prohibido almacenar ou apilar xunto ás terrazas productos, materiais e elementos móbiles (mostradores e cámaras), así como residuos propios da instalación, tanto por razóns de estetica e ornato, como por hixiene.

13.4 Será obrigatorio, para poder instalar terrazas anexas a establecementos ubicados en inmoble ou local, que o titular deste teña concertado un seguro de incendios do local e de responsabilidade civil por danos ós concurrentes e terceiros, derivados das condicións do local, así como do persoal que presete os seus servizos no mesmo, que inclúa, tanto ó local propiamente dito, como ós seus anexos, incluida a terraza.

Artigo 14.- Lista de prezos, título.

Deberán figurar en lugar visible, enmarcados e coa debida claridade, as listas de prezos e o título habilitante para a instalación das terrazas, no que se especifique o número de mesas autorizadas, debendo adxuntarse plano de situación selado polo Concello.

Artigo 15.- Suspensión e sancións.

O concelleiro delegado de urbanismo, a través dos servizos municipais, será competente para controlar o estricto cumprimento das normas establecidas na presente ordenanza, así como para a imposición das sancións.

Artigo 16.- Infraccións.

As infraccións das normas contidas nesta ordenanza clasifícanse en leves, graves e moi graves.

16.1. Son faltas leves:

- A falta de ornato na terraza e o seu entorno.

- O deterioro leve dos elementos de mobiliario e ornamentais urbanos colindantes co establecemento, que se produza como consecuencia da actividade obxecto da licencia.

16.2. Son faltas graves:

- A reiteración por dúas veces na comisión de faltas leves.

- A ocupación de maior superficie da autorizada.

- A instalación dun maior número de mesas, cadeiras ou elementos auxiliares que os autorizados.

- A falta de aseo, hixiene ou limpeza nos elementos do establecemento, sempre que non constitúa falta leve ou moi grave.

- O deterioro grave dos elementos de mobiliario.

- A colocación de envases e calquera outra clase de elementos, que non sexan mesas, cadeiras e elementos auxiliares dos mesmos, fóra do recinto do establecemento.

- A non exhibición das autorizacións municipais preceptivas.

16.3. Son faltas moi graves:

- A reiteración de tres faltas graves.

- A desobediencia ós lexítimos requerimentos dos inspectores e autoridades.

- A falta de aseo, hixiene e limpeza no persoal ou elementos do establecemento cando non constitúan falta leve ou grave.

- A venda de productos alimenticios non autorizados.

- Instalar elementos de mobiliario non autorizados pola licenza.

Artigo 17.- Sancións.

As faltas leves sancionaranse con multa de 60 a 400 euros.

As faltas graves sancionaranse con multa entre 401 e 1.000 euros.

As faltas moi graves sancionaranse con multa entre 1.001 euros e 2.000 euros, podendo incluso ser revocada a licenza.

Artigo 18.- Aplicación das sancións.

Na aplicación das sancións establecidas no artigo anterior, atenderase ó grao de culpabilidade, entidade da falta cometida, perigosidade que implique a infracción, reincidencia ou reiteración e demais circunstancias agravantes ou atenuantes que concorran. Cando así o considere oportuno e como consecuencia de falta grave ou moi grave, o Concello poderá ordenar a retirada inmediata da terraza.

CAPITULO II

CONDICIONS PARTICULARES DAS LICENZAS

Artigo 19.- Capacidade para solicitar a licenza.

Poderán solicitar a licenza para este tipo de ocupacións, os titulares dos establecementos descritos no artigo 2 desta ordenanza, sempre que a actividade se desenvolva coa lexislación xeral e sectorial que regula a mesma.

A taxa que por este concepto deberá pagar o titular da licenza será a que a tales efectos se fixe na ordenanza fiscal correspondente.

As licencias terán carácter persoal e non poderán ser cedidas ou subarrendadas a terceiros. O incumprimento deste mandato dará lugar á anulación da licencia.

Artigo 20.- Requisitos da solicitude.

As licenzas solicitaranse perante o Sr. Alcalde-Presidente do concello de Monforte de Lemos. Acompañarase á solicitude a seguinte documentación:

- Licenza de apertura do establecemento.

- Seguro de incendios do local e de responsabilidade civil.

- Autorización dos propietarios dos inmobles colindantes, no caso de que a solcitude contemple unha terraza adosada á fachada do edificio e pretenda rebasar a porción desta ocupada polo establecemento.

- Memoria descriptiva dos elementos de mobiliario que se pretenden instalar na terraza.

- Plano de situación a escala 1:1000, que especifique a área da terraza que se pretende instalar, onde figuren acotadas as distancias respecto ó local propio, como con respecto a outros locais de hostelería que existan nun entorno de 20 metros de radio dende os puntos extremos da fachada do establecemento.

- Plano a escala 1:100 de planta e alzado da terraza que se pretenda instalar, con indicacións dos elementos de mobiliario e da separación, así como a súa clase, natureza, número, dimensións e colocación destes.

- Plano de instalacións eléctricas, indicando e especificando as proteccións necesarias.

Artigo 21.- Competencia para o outorgamento da licenza.

Será competente para o outorgamento da licenza o Sr. Alcalde - Presidente ou concelleiro en quen delegue.

Aquelas solicitudes de instalación de terrazas que se pretendan ubicar nos parques públicos serán obxecto de informe previo do Servizo de Parques e Xardíns.

Artigo 22.- Prazo de resolución.

O Concello de Monforte de Lemos resolverá as solicitudes no prazo de dous meses dende a entrada da solicitude no rexistro xeral.

Artigo 23.- Vixencia das licenzas.

As licenzas outorgaranse por anos naturais, e deberán solicitarse con anterioridade a súa instalación. Nesta mesma solicitude indicaranse a ocupación que se pretende utilizar para o mes de agosto.

Artigo 24.- Limitacións de emprazamento.

24.1. A porción de dominio público susceptible de ocupación con terrazas non poderá exceder de 2/3 da superficie autorizable do mesmo. A devandita superficie será determinada en cada caso polo concello.

24.2. A ocupación de beirarrúa non poderá ser nunca superior ós 2/3 de anchura libre da mesma, debéndose deixar libre para paso de peóns, polo menos, un metro.

24.3. No caso de establecementos colindantes, o espazo susceptible de ocupación distribuirase equitativamente entre os solicitantes, dacordo co ancho de fachada de cada establecemento afectado.

24.4. A porción de terreo susceptible de ocupación por terraza non poderá ser inferior a tres metros cadrados.

24.5. Se a terraza se sitúa adosada á fachada do edificio, deberá quedar libre o espacio para acceder ós inmobles colindantes cun espacio mínimo de 2 metros.

Artigo 25.- Limitacións de emprazamento en bulevares e rúas peonís.

Permitirase a instalación de terrazas en bulevares e rúas peonís nas que existan establecementos ubicados en inmobles sempre que a zona peonil supere os tres metros de ancho. A franxa de zona peonil central ocupable non excederá do 60 % da súa anchura.

Artigo 26.- Periodo de actividade.

As terrazas poderán instalarse durante todo o periodo para o cal teñan autorización, podendo abarcar o mesmo todo o ano.

Artigo 27.- Limpeza diaria.

Os titulares de licenzas de terrazas teñen a obriga de retirar e agrupar ó remate de cada xornada os elementos de mobiliario instalados, así como a realizar os labores de limpeza necesarios.

Artigo 28.- Remate do periodo de ocupación.

Rematado o periodo de instalación previsto nesta ordenza para cada ano natural, o titular da terraza deberá deixar completamente expedita a porción de chan público que viñese ocupando, retirando tódolos elementos que o ocupan ó día seguinte do remate o periodo de ocupación.

En caso de incumprimento, serán retirados polo concello mediante execución subsidiaria a costa do titular. Este feito poderá dar lugar á inhabilitación para sucesivas autorizacións.

DISPOSICIÓN TRANSITORIA.

Todas aquelas terrazas que no intre de de entrada en vigor da presente ordenanza tivesen autorización para tempadas anteriores, deberán adecuarse á vixente normativa na presente tempada.

Monforte de Lemos, a 20 de xaneiro de 2005.- O ALCALDE,
 

VOLVER